fbpx
Torre de Meira hoxe / foto Concello de Moaña

Así se ve tras a súa escavación a gran torre da ría de Vigo que destruíu Pedro Madruga

Tempo de lectura: 2 min.

“A base da Torre de Meira xa se deixa ver en todo o seu esplendor”. Así amosaban dende o Concello de Moaña a súa satisfacción polos avances na campaña de escavacións que se están a desenvolver na torre que domina a ría de Vigo. Pois o aspecto que presenta a antiga fortificación xa é plenamente significativo do que no seu día foi unha das torres máis importantes desta zona de Galicia.

A campaña de escavación desenvolvida pola empresa Árbore Arqueoloxía S. C. comeza así a tocar o seu fin. Trátase dunha intervención promovida polo Concello de Moaña grazas a colaboración da Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes de Meira, nun proxecto de escavación, rehabilitación, sinalización e mellora para este singular monumento.

O pase de diapositivas require JavaScript.

A obra conta cun orzamento de 14.786,20 euros, dos que 11.200 serán financiadas pola Deputación e o resto polo Concello. Consiste na escavación das áreas estudadas no ano 1975 polo Instituto Padre Sarmiento, ampliándose o perímetro cara a zona de acceso á fortaleza. Nunha primeira etapa desenvolveuse unha prospección do lugar, para proceder a restaurar, consolidar e sinalizar o lugar con paneis explicativos despois, para dar a coñecer a importancia deste lugar.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Unha torre sobre a ría derrubada polos Irmandiños

Situada nun alto a 140 metros de altitude sobre a ría de Vigo a Torre de Meira foi unha fortificación das familias Meira e Valadares para exercer o seu dominio na zona. A torre sufriu asedio durante as Segundas Guerras Irmandiñas (1467-1469), derrubada en boa medida. Mais foi Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Madruga, quen a destruiría finalmente no ano 1476.

Dende aquela a torre mantívose  como ruína. Sobre o lugar recaen varias mitos e lendas como as que falan dunha cova cunha ola de ouro e outra de veleno, galiñas de ouro, batallas e mesmo mouras. A torre foi escavada no ano 1975, atopándose material cerámico metálico, ósos e outros materiais depositados no Museo de Pontevedra.

Pode que che interese...