fbpx
Igrexa de San Xulián de Ferrol / foto Turismo de Ferrol

É viable a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial?

Tempo de lectura: 4 min.

É posible facer viable a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial? O Teatro Jofre acolleu o pasado día 22 o congreso Ferrol Destino Patrimonio Mundial, organizado polo Concello de Ferrol, que contou coa participación de destacados expertos nos eidos do patrimonio, da arquitectura ou do turismo, entre outros. O obxectivo do congreso, “difundir a candidatura de Ferrol, do Ferrol ilustrado, a patrimonio mundial” ó tempo que interrogarse sobre as fortalezas da candidatura.

A colaboración entre administracións: “vital”

As xornadas contaron ademais de coa participación de expertos en múltiples actos coa presenza de autoridades políticas de todas as administracións implicadas. Entre elas o alcalde, Ángel Mato, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez ou o vicepresidente da Deputación Xosé Regueira. A posición común compartida por todos eles “hai que ser capaces de crear as sinerxías para lograr o obxectivo”, como declaraba Mato.

O rexedor valorou a sintonía que existe tanto coa Deputación como coa Xunta e defendeu que a colaboración entre administracións é “vital” para que a candidatura ferrolá logre o seu obxectivo. “A declaración de patrimonio mundial é unha proba de fondo na que todos debemos poñer o noso grao de area”, afirmaba. Mentres lembraba que esta candidatura ten xa tras de si un longo percorrido de dúas décadas.

Arsenal de Ferrol / foto hwi62CC0

Implicación da cidadanía e educación

Máis as administracións soas non poden conseguilo. É por isto que a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, resaltou o valor da cidadanía. Explicou que o traballo desenrolado xa nestes vinte anos suma a iniciativas coma as que se están desenvolvendo nos centros educativos.

Estas iniciativas “axudarán a incrementar o cariño e o recoñecemento das veciñas e dos veciños de Ferrol por un patrimonio histórico magnífico”. A edil recoñeceu que a candidatura é unha carreira de longo percorrido na que existe unha ampla implicación tamén por parte das administracións pero tamén da xente.

Unha cidade con especial potencial

Ó potencial da candidatura referíronse tanto expertos como autoridades políticas. Rodríguez recoñeceu que “moi poucos lugares do mundo poden chegar a ser patrimonio da humanidade”, pero asegurou que Ferrol “é merecente desa categoría”, por tratarse, como cidade, dun ben “senlleiro, único”.

Tamén o vicepresidente provincial destacou os valores de Ferrol para obter a designación. “Tería, sen dúbida, un lugar privilexiado na lista de lugares patrimonio da humanidade”, considerou, e vaticinou que “a futura declaración suporá un incremento do turismo e máis recursos”.

Santuario das Angustias de Ferrol / foto patrimoniogalegonet

Unha enorme oportunidade para a cultura, o patrimonio e o turismo

As xornadas contaron coa intervención de destacados expertos nos eidos do patrimonio, da arquitectura ou do turismo. Houbo relatorios como o de Manuela del Pilar Santos Pita, decana da Facultade de Humanidades de Ferrol, que afondou nos principios xurídicos que rexen as candidaturas a patrimonio mundial. Carmen Pérez Parapar, presidenta da delegación do COAG en Ferrol, disertou sobre os valores da cidade para converterse en patrimonio da humanidade.

Jordi Tresserras Juan e Alejandro Rodríguez Rodrigo, redactores da candidatura, falaron da culminación do expediente e aseguraron que a de Ferrol é unha candidatura única e excepcional, incluso superior outras declaradas. María Elvira Lezcano, profesora de Turismo da UDC, falou do impacto da declaración de patrimonio mundial nos sitios galegos.

Ferrol / foto Dani_CastroCC0

Rafael de la Concha xefe da unidade de Turismo do Concello de Córdoba e coordinador rexional europeo surmediterráneo da Organización de Cidades Patrimonio Mundial, disertou sobre a organización de cidades patrimonio mundial e a importancia do traballo en rede. Ademais dos relatorios houbo quendas abertas ó debate nas diferentes mesas redondas.

O programa Interreg Espazo Atlántico 2014-2020 a través do proxecto MMIAH

Destacouse tamén o apoio que brinda Europa co proxecto MMIAH a través do programa Interreg Espazo Atlántico 2014-2020. Trátase dun programa europeo está a servir, en boa parte, “para a recuperación de espazos que forman parte da candidatura a patrimonio mundial”. Trátase do marco perfecto para desenvolver a candidatura a Patrimonio Mundial.

Un deles é o castelo de San Felipe, onde se está actuando na batería baixa e se lle vén de dar contido expositivo permanente á sala de cureñas. Tamén está en marcha un proxecto para mellorar a recepción da fortificación, así como a posta en valor das baterías de costa mediante a realización de vídeos, recreacións virtuais e a posta en marcha de rutas por estes espazos.

Castelo de San Felipe en Ferrol / foto Turismo de Galicia

O proxecto MMIAH é un plan europeo liderado pola cidade de Ferrol e integrado por outras oito cidades, Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda), que busca pór en valor o litoral urbano do espazo atlántico a través da recuperación de bens en desuso asociados ao patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras. O obxectivo é  facilitar o seu uso social e xerar actividades de valor engadido co fin de promover o turismo cultural como factor de sustentabilidade económica.

Pode que che interese...