fbpx
Vandalismo no castro de Alobre / foto Umia Río Vivo

O castro de Alobre en Vilagarcía vandalizado tan só un mes despois da inauguración

Tempo de lectura: 2 min.

Tan só cinco semanas despois da inauguración. Este é o tempo que tivo que pasar para que a intervención no castro de Alobre en Vilagarcía, do proxecto “Trazas de Pontevedra”, aparecera vandalizada. Trátase dun dos tres castros intervidos polo Ministerio de Fomento e que deron lugar a unha forte controversia no mundo da arte e da arqueoloxía pola intensidade da súa “musealización”.

Paneis informativos cheos de pintadas, mesmo sobre o texto, as bolsas de lixo penduradas das picas informativas e estruturas riscadas con nomes, con importantes desprendementos das capas superficiais do aceiro corten. Este é o estado no que quedou a intervención do castro inaugurado vai tan só un mes.

Vandalismo no castro de Alobre / foto Umia Río Vivo

Os actos vandálicos, a pesares da súa intensidade, así como da súa celeridade, pois non pasaron nin dous meses da súa inauguración, semellan, porén, non ter nada que ver co contexto de xeral desaprobación das intervencións. Trataríase de grafites e riscados con nomes, así como outros actos propios do vandalismo urbano, inadmisibles, en todo caso, nun espazo de enorme valor patrimonial.

Cinco semanas despois da súa inauguración

E é que o pasado 17 de abril a presidenta da Deputación de Pontevedra, inauguraba as obras dos tres castros intervidos en colaboración entre a Deputación e Fomento. A presentación foi desenvolvida en tres actos diferentes nos tres xacementos e a presidenta da Deputación estivo acompañada polos alcaldes de cada Concello. “Estou segura de que lle vai gustar ao 99 % da xente que veña” afirmaba Carmela Silva.

Trátase de tres obras de posta en valor de tres xacementos galaicos da provincia. Unha obra que contou cun orzamento de licitación de 600.651,78 euros e que consistiu en traballos de información, percorridos e acondicionamento paisaxístico nos tres castros. A cargo das intervencións estivo a empresa Patrimonio Inteligente e os deseños foron do estudo de arquitectura AGI Architects.

Porén, as intervencións estiveron acompañadas dende a súa orixe por unha forte polémica. Pois dende o inicio das obras varios colectivos de defensa do territorio e do patrimonio deron a voz de alarma polo impacto nos xacementos ó non axeitarse ós estándares propios dun espazo arqueolóxico. As obras, porén, contaban co o visto e prace da Dirección Xeal de Patrimonio.

Tal foi que mesmo varios colectivos chegaron a dirixirse  á Delegación Permanente de España ante a UNESCO para instar a esta organización internacional a intervir para deter as obras. Tamén se presentou unha petición na plataforma Change.org que acadou máis de 1.500 sinaturas. As intervencións contaron ademais cunha enorme contestación por parte de profesionais da arte e da arqueoloxía. Porén ningunha polémica habería de xustificar actos de vandalismo tales.

Pode que che interese...