fbpx
Órgano do Convento de Santa Clara / foto Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra merca o convento medieval de Santa Clara, cos seus retablos e coro en depósito

Tempo de lectura: 4 min.

O pasado 11 de marzo o concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, confirmou que o Concello vén de pechar os últimos flocos que quedaban pendentes na negociación para a compra do convento de Santa Clara, o patrimonio moble -retablos, órgano e coro- así como un pequeno enterramento situado na súa horta.

Co peche destes flocos o Concello confirma unha das novas patrimoniais máis agardadas da cidade, a merca do Convento. Xa o anunciara, de feito, o seu rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha rolda de prensa o pasado día 6: Santa Clara será incorporado ó patrimonio público da cidade por 3,2 millóns de euros.

A compra inclúe o inmoble, edificacións, zonas verdes e muro perimetral e a cesión por catro anos dos retablos, órgano e coro. O convento ten unha superficie intramuros de 12.606 m2 e unha superficie edificada: 5.417 m2, 2.722 m2 no andar baixo, 2.105 m2 no primeiro andar e 590 m2 no segundo.

Santa Clara / foto visit-pontevedra.com

Trátase dunha verdadeira xoia do gótico mendicante galego. O convento foi fundado en 1271 por Pedro Rodríguez e Teresa Páez de Soutomaior e renovado no século XIV. É un ben catalogado con protección e conservación monumental e cualificación urbanística é equipamento. É unha grande xoia patrimonial que conta ademais cunha grande horta no mesmo centro da cidade.

Un longo proceso de compra

“Humildemente teño que dicir que unha operación desta envergadura só a pode levar a cabo un goberno con experiencia, estabilidade e solvencia” indicou Fernández Lores na presentación. Salientou tamén que “en 22 anos, este é un dos anuncios que máis orgulloso me fai sentir como alcalde porque traballamos pola cidade, polo ben común, pola conservación do patrimonio e melloramos os equipamentos”.

Cartaz explicativo da compra / foto Concello de Pontevedra

Na presentación Lores explicou tamén o proceso de compra. Tratouse dun proceso longo que comezara a finais de 2017 e que, desde entón “foi pasiño a pasiño” e sempre co obxectivo de “liderar a recuperación do patrimonio arquitectónico e ambiental do convento de Santa Clara como espazo de uso público”. Un proceso no que participaran dúas corporacións con dous concelleiros de Patrimonio, Vicente Legísima e Xaquín Moreda.

Explicou tamén os vindeiros pasos a dar. Trátase “dun proceso administrativo regrado que comezaremos nestes días e poderá ter unha duración duns meses”. O pagamento farase nun pago único cunha contía axustada a prezo de mercado. Fixo fincapé en que “é un acordo moi bo para Pontevedra”.

Na rolda de prensa Lores transmitiu tamén, tal e como lle encargara a congregación das Clarisas e a propia Igrexa, “que están moi ilusionadas de que o convento pase a mans públicas e quede para uso e goce da cidade”. “Hoxe é un día histórico para esta cidade”, asegurou o alcalde de Pontevedra.

Detalle dunha portada oxival en Santa Clara de Pontevedra / foto xunta.gal

O patrimonio moble: cedido ó Concello polos vindeiros catro anos

Tal e como se informara no seu momento, quedaba sobre a mesa o destino do patrimonio moble e o posible traslado dun cemiterio localizado na horta do convento. Xaquín Moreda compareceu para explicar que, finalmente, os retablos, un púlpito, o órgano e as cadeiras do coro permanecerán no convento en réxime de depósito durante un período de catro anos.

Unha vez rematado este período, a Igrexa e a congregación das Clarisas deberán decidir se finalmente retiran este patrimonio da súa localización orixinal ou se llo venden ó Concello. Cabe lembrar que, tanto o concelleiro como o alcalde, xa manifestaran a preferencia do goberno municipal de que ese patrimonio quede na cidade, ben sexa en depósito ou a través de compra.

Lores na presentación da compra / foto Concello de Pontevedra

Outro dos flocos que tamén quedaran sen resolver era o do enterramento situado na horta do convento. Sobre isto Moreda informou que a a congregación decidiu retiralo e que, neste momento, estase ocupando da tramitación necesaria para proceder ó traslado. Moreda confirmou tamén que dende o Vaticano xa se autorizou a operación de compra-venda e os servizos municipais procederán a iniciar o expediente administrativo para facela efectiva.

Pode que che interese...