fbpx
Obras de rehabilitación no castelo de San Felipe en Ferrol / foto Concello de Ferrol

Tres rehabilitacións simultáneas máis unha no Castelo de San Felipe

Tempo de lectura: 5 min.

O castelo de San Felipe está a converterse nun dos grandes referentes patrimoniais da ría de Ferrol e un dos grandes focos de investimento para o patrimonio da cidade. Por este motivo, o pasado martes o alcalde da cidade, Ángel Mato, visitou o castelo. Tratábase de ver de primeira man como se están a desenvolver os traballos en distintos puntos da fortaleza e dar a coñecer as propias obras.

Pois neste mesmo momento están a desenvolverse tres proxectos de rehabilitación simultáneos no castelo que motivan que este vaia a permanecer pechado ó público ata o 15 de xuño. Ademais destas tres rehabilitacións cabe destacar a recén inaugurada exposición permanente sobre a batalla de Brión, na sala de Cureñas, e estase a agardar un proxecto do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no marco do 1,5% Cultural do Ministerio.

Castelo de San Felipe en Ferrol / foto Turismo de Galicia

A torre do século XIX da batería baixa, un gran traballo en proceso para novas exposicións

Unha das obras máis ambiciosas que se están a desenvolver neste momento no castelo é a rehabilitación da torre do século XIX da batería baixa. Trátase dun  Ben de Interese Cultural (BIC), a máxima categoría de protección del patrimonio galego. As obras, como xa contamos inclúen a adaptación e acondicionamento deste singular espazo para o seu novo uso expositivo.

Para el estase a desenvolver o deseño e contido das dúas mostras que albergarán as dúas plantas da torre. A alta acollerá a mostra ‘A evolución das defensas da ría’ no período comprendido entre os séculos XVIII e XX e a baixa a exposición ‘Evolución do Castelo de San Felipe’, ambas tamén permanentes.

Castelo de San Felipe / foto Concello de Ferrol

Eliminación de engadidos, recuperación das cubertas da sala de Cureñas e adaptación de aseos

Ademais destas obras de rehabilitación da torre do século XIX da batería baixa, o Concello de Ferrol vén de iniciar outros dous proxectos. O primeiro refírese a varias obras de eliminación de elementos descontextualizados e non orixinais da fortaleza que se foron engadindo ó mesmo co paso dos anos debido ao seu uso militar e que xeran unha afección negativa sobre o monumento.

Entre elas hai elementos como ladrillo á vista, alicatados de terrazo ou de baldosa cerámica, entre outros. Estes traballos inclúen tamén unha intervención sobre os aseos públicos da fortaleza, mellorando o seu aspecto e funcionalidade e converténdoos en accesibles.

Castelo de San Felipe en Ferrol / foto Turismo de Galicia

O proxecto contempla tamén unha obra de conservación e mantemento da cuberta da sala de Cureñas e dos corpos de garda situados no acceso principal, así como a mellora da sinalización interior do castelo polo mal estado dos paneis actuais. Estas obras adxudicáronse por 33.890 € máis IVE, e remataranse nun prazo máximo de execución é de dous meses.

Un novo espazo de recepción e interpretación do castelo

Por último o terceiro dos proxectos que se están a desenvolver no castelo, o segundo que vén de comezar o Concello de Ferrol, é a habilitación dun espazo para a divulgación histórica e cultural da fortaleza. Este espazo funcionará a modo de recepción ó público e mellorará a experiencia do usuario. Con este espazo quere axudarse á verdadeira transformación da fortaleza nun recurso cultural e turístico.

Estes traballos inclúen a instalación na entrada do castelo dun mostrador de recepción de visitantes rotulado, en madeira hidrófuga e metacrilato que estará adaptado ás persoas con mobilidade reducida. Tamén unha nova iluminación que creará unha atmosfera cálida, espazos para a divulgación a través de material gráfico e un espazo para reproducir de forma continua contidos audiovisuais sobre o castelo.

Obras de rehabilitación no castelo de San Felipe en Ferrol / foto Concello de Ferrol

Tamén se instalará unha lona exterior para sinalizar a recepción e acondicionarase un espazo con cadeiras para o persoal e un banco de descanso para o público. Este proxecto foi adxudicado recentemente por un importe de 14.600 € máis IVE e conta tamén cun prazo máximo de execución de dous meses.

O proxecto máis agardado para a fortaleza, 500.000€ de 1,5% cultural

Así, na súa visita, o rexedor ferrolán apuntou que se trata “dun monumento único e localizado nun lugar inmellorable para o que temos previstas máis inversións”. Este é o caso do proxecto presentado e preaprobado do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana centrado na eliminación das humidades, o principal problema estrutural do castelo, cun importe que supera o medio millón de euros.

Pola súa banda, a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, presente tamén na visita, explicou que nos últimos dous anos o goberno local investiu no castelo arredor de 150.000 euros a través do proxecto MMIAH, un plan europeo liderado pola cidade de Ferrol e integrado por outras oito cidades europeas que busca poñer en valor o litoral urbano do espazo atlántico a través da recuperación de bens en desuso asociados ó patrimonio militar, marítimo e industrial costeiro.

Tapias do castelo de San Felipe, en Ferrol, onde foron asasinados numerosos antifranquistas durante a Guerra Civil /foto panoramino.com

Unha posta a punto de cara a tempada de verán

Así, estas tres intervencións están coincidir no tempo. Por mor disto o Castelo permanecerá pechado ó público ata o 15 de xuño como máximo co fin de poder desenvolver gran parte dos traballos sen interromper as visitas, tanto pola propia execución das obras como polo material acumulado no recinto.

Con estas obras preténdese que antes do inicio da tempada de verán o Castelo presente a súa mellor cara. A vontade do goberno local “co impulso que estamos a dar a unha das nosas mellores xoias do noso patrimonio”, explicou Martínez Montero, “é poñer a punto a fortaleza para que estea nas mellores condicións de cara ao aumento das visitas que vaimos a rexistrar na cidade nos próximos meses”.

 

Pode que che interese...