fbpx
Castro Pequeno de Neixón en Boiro fot PublicDomain Wikimedia

Un Xeoparque da Idade do Ferro para Arousa?

Tempo de lectura: 2 min.

Un novo proxecto conxunto para dar a coñecer os castros da comarca da zona de Arousa Norte. Este é o convenio de colaboración que asinaron hoxe representantes dos Concellos de Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son e Rianxo, así como a Deputación da Coruña. O proxecto súmase á do Xeoparque de Ortegal, o Parque do Megalitismo da Costa da Morte ou Compostela Rupestre, para a promoción do territorio a través do patrimonio nos que participa a Deputación.

Trátase do proxecto “Parque Arqueolóxico da Idade do Ferro: Os Castros dos Praestamáricos“. Unha iniciativa que pretende ser un novo referente de especial interese patrimonial, cultural e turístico para o territorio da zona de Barbanza correspondente con norte da ría de Arousa.

A iniciativa supón unha liña de promoción turística e cultural deste territorio a través da colaboración da Mancomunidade Arousa Norte. Tamén da promoción turística e a posta en valor dos recursos arqueolóxicos dun territorio especialmente rico en patrimonio.

O proxecto abranguerá o Castro de Isorna, en Rianxo; os de Neixón e de Achadizo, en Boiro; o de Croa de Postmarcos, na Pobra do Caramiñal, e o Castro da Cidá, en Ribeira, entre outros recursos. Todos eles cunha identidade propia para a súa posta en valor e vinculados precisamente a esta Idade do Ferro.

Castro a Cidá en Ribeira / foto Ceipaguinho CCBy Wikimedia

No proxecto desenvolveranse, entre outras, accións de protección e sinalización dos recursos, deseño e realización de rutas ademais de implementación de novas ferramentas para a súa difusión. O obxectivo segundo sinala o convenio é a “posta en valor do patrimonio arqueolóxico existente nos respectivos termos municipais no marco das competencias propias que lle corresponden en materia de promoción económica, desenvolvemento territorial e turismo”.

A xestión estará dirixida por un Consello de Dirección do que formarán parte dous representantes da Deputación e dous de cada unha das corporacións participantes. O convenio ten unha vixencia por catro anos, prorrogable a outros catro. Tras a sinatura do convenio no día de hoxe, decidiuse que alcalde de Porto do Son presidirá o primeiro Consello de Dirección.

Xeoparque da Idade do Ferro, Compostela Rupestre, Parque do Megalitismo e Xeoparque de Ortegal

 “Unha comarca que ten moito interese pola súa paisaxe e como destino de praia pero que conta tamén con recursos abondo como para poñer o foco no seu riquísimo patrimonio“. Con estas palabras apuntaba o vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira a importancia deste novo proxecto. “Por medio da colaboración institucional dos concellos e a Deputación buscarase a promoción turística e cultural”, afirmaba.

O Deputado sinalaba tamén as similitudes con outros proxectos nos que a área que dirixe está a traballar en colaboración directa cos concellos do territorio. Son o Xeoparque de Ortegal, o Parque do Megalitismo da Costa da Morte e Compostela Rupestre na área de Santiago. “Trátase de dar un impulso definitivo por un turismo sostíbel e de calidade”, afirmaba. “Contamos tamén cun riquísimo patrimonio que é de especial interese neste tempo en que o sector ten que botar man de todas as ferramentas para recuperarse da crise provocada pola pandemia”.

Pode que che interese...