fbpx
Castro das Barreiras / foto equipo arquolóxico

Vimianzo iniciará unha nova campaña nas Barreiras para desentrañar as súas orixes máis remotas

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello de Vimianzo volve a apostar un ano máis polo castro das Barreiras, acadando xa un total de seis campañas consecutivas escavando un dos poboados fortificados máis enigmáticos da Costa da Morte. Faino esta vez co obxectivo de tratar de desentrañar o seu pasado máis remoto coa escavación dalgúns espazos chave para dar respostas sobre el.

Así o o vindeiro 10 de maio comezarán de novo os traballos de escavación no castro, que estarán dirixidos unha vez máis polo arqueólogo Tito Concheiro e dos que se encargarán novamente o equipo de Terra Arqueos. O Concello de Vimianzo quere continuar así a súa firme aposta pola preservación, conservación e posta en valor deste excepcional patrimonio arqueolóxico.

Unha intervención de ata 30 metros na muralla e a cabana máis antiga do xacemento

Na intervención tratarase de dar unha “nova visión” ó xacemento, en palabras do arqueólogo. Pois “imos a facer algunhas cousas diferentes”, aínda que “cando se leva a cabo a sexta campaña consecutiva non podemos falar doutra cousa senón de continuidade”, nun xacemento que, por esa mesma continuidade, é “un exemplo para toda Galicia”.

Así, nesta campaña, intervirase na metade do xacemento que se orienta cada o sudoeste, coa mirada posta na muralla e o seu paramento interior, no que está previsto acometer traballos en ata 30 metros. “Tamén ampliaremos a casa que se descubriu o ano pasado e escavaremos novamente no cemiterio cerámico”, subliña Concheiro.

E é que esta é unha das principais novidades deste ano e polo que será tan importante esta intervención. Pois nesta campaña escavarse a primeira “Cabana de poste” no Castro, unha construción que data de moito antes das típicas castrexas.

“Podemos estar ante as primeiras épocas das Barreiras, e isto suporá un antes e un despois en como entendemos todo este xacemento”, afirmaba. “Será unha intervención moi frutífera, nun lugar no que canto máis preguntas, máis che responde”, apuntaba o arqueólogo.

A divulgación entre “a rapazada” unha das protagonistas

Así esta nova campaña sumarase as desenvolvidas nos últimos anos. Nela dúas corporacións de dúas cores políticas diferentes deron con continuidade as intervencións nun castro que xa é un dos grandes atractivos dun concello que ten o patrimonio como un dos seus maiores atractivos.

Así, segundo Concheiro “estamos a traballar coa perspectiva de poder facer esta campaña de primavera e outra no outono”, coincidentes coa tempada escolar, e poder sumar un dos activos máis importantes no xacemento arqueolóxico: a rapazada. É por isto que o arqueólogo quixo agradecer novamente “ó Concello de Vimianzo a súa confianza e aposta polo Patrimonio arqueolóxico do municipio”.

Pode que che interese...