fbpx
Entremés famoso sobre a pesca no río Miño, da Biblioteca Nacional

A peza teatral máis antiga en lingua galega, con tres séculos e medio, volverá ós escenarios este verán

Tempo de lectura: 4 min.

A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño, escrita de Gabriel Feixoo de Araúxo en 1671, é considerada a primeira peza teatral en lingua galega conservada. Trátase dunha peza recollida dun manuscrito da Biblioteca Nacional e descuberta por Fermín Bouza-Brey, de 433 versos e 9 escenas ó redor dun conflito entre galegos e portugueses ó pé do Miño.

Coincidindo coa conmemoración do 350 aniversario do texto o Centro Dramático Galego (CDG) levará ós escenarios esta histórica peza da nosa lingua. Tratarase dunha representación coproducida coa Companhia de Teatro de Braga (Portugal)  que chegará así a Galicia tras a súa presentación o 2 de xullo no Festival de Almagro, o vindeiro 10 de xullo na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCF).

A representación desta histórica obra teatral foi anunciada hoxe polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, na presentación da carteleira completa da MITCF, que desenvolverá a súa 38ª edición nos dez primeiros días do mes que vén. Na súa intervención, Jacobo Sutil reivindicou o papel pioneiro da Mostra de Cangas.

Entremés famoso sobre a pesca no río Miño, Biblioteca Nacional Dominio Público

Unha peza dun enorme valor histórico

A primeira obra teatral escrita en galego. A contenda dos labradores de Caldelas, máis coñecida como Entremés famoso sobre da pesca do río Miño, ten como tema un dos moitos enfrontamentos que os habitantes das dúas beiras do río mantiñan polos dereitos da pesca.

Na peza, un fidalgo portugués pretende saltarse a regulamentación tradicional facendo dous lances ou saídas pesqueiras por cada unha dos galegos. A el enfróntase o cabaleiro Roleiro, defendendo os seus dereitos, ata acabar a disputa en guerra aberta. A obra remata coa reconciliación dos habitantes das dúas beiras.

Trátase dunha obra histórica descuberta por Fermín Bouza-Brey na Biblioteca Nacional. Segundo el, non sería o texto orixinal, senón unha copia realizada por un copista cunha nacionalidade diferente á galega e á portuguesa. Porén sería unha peza de 1671 de Gabriel Feixoo de Araúxo do que nada se sabe con certeza.

Imaxe da obra na Compahia de Teatro de Braga

38 anos dunha da gran mostra de teatro de Galicia

Máis de 20 espectáculos 1 ao 10 de xullo na vila de Cangas, no Auditorio Municipal  como sede principal e noutros escenarios e localizacións da vila do Morrazo e das súas parroquias co obxectivo de que veciños e visitantes poidan gozar das mellores propostas actuais do xénero. Así é a dende fai xa 38 anos a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

O lugar “onde temos que dirixir as miradas todos cantos gustamos do mellor teatro feito dentro e fóra de Galicia, entendido este como unha manifestación artística que cumpre unha función social insubstituíble, ó tempo que nos ha permitir o desfrute e a interacción física que tanto botamos de menos estes meses”.

Así definía o director da Agadic a Mostra deste 2021. O evento arrancará cunha homenaxe a Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas finado a comezos de ano e un dos creadores da Mostra, para quen os participantes da presentación de hoxe tiveron palabras de lembranza.

Público nunha das representacións ó aire libre da MITCFC / foto HdG

Máis de 20 espectáculos en 10 días no corazón da ría de Vigo en pleno verán

Entre os espectáculos galegos que compoñen a carteleira figuran Mocos, de Contraproducións; Semente. O home que plantaba árbores, de Eme2; O Monte das Aras, de Teatro de Ningures; Ghop!, de Teatro ao Cubo, ou Vencerse é cousa de se tratar, de Fernando Abreu. Tamén se amosarán tres montaxes en coprodución coa propia MITCFC: Castingjo, de Se Rial & Anabel Budiño; Isolada, de Cía. Pajarito e Abracadaver, de Assircopatas.

De fóra de Galicia chegarán, por exemplo, La señorita Doña Margarita, de Petra Martínez e Juan Margallo; El viento es salvaje, a cargo de Las niñas de Cádiz; Espécies Lázaro, da compañía portuguesa Teatro Art’Imagen; Ritos de Amor y Guerra, por Comando Señoras; Secretos de alcoba, de Miss Beige; El Gran Braulio, de Adrián Conde; Al otro lado, de Zanguango Teatro, ou La Xirgu, de Teatro del Norte.

 

O auditorio de Cangas na presentación de Divinas Palabras Revolutiona do CDG / foto HdG

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: