fbpx
Torre Escuredo / foro patrimoniogalego.net

Así se descatalogou o único Ben de Interese Cultural do Grove, que se atopa a piques de caer

Tempo de lectura: 3 min.

“Dende o colectivo #torremakers iniciamos esta recolleita de sinaturas para seguir poñendo en valor a Torre dos Mestre ou Torre de Escuredo e tratar de evitar a súa desaparición”. Con esta palabras iníciase unha petición na plataforma Change.org para esixirlle ó Concello do Grove que conserve e recupere a singular Torre do Escuredo.

“A Torre foi o único BIC da nosa vila, aínda que ven de perder esa catalogación, a petición dos propietarios, hai ben pouco tempo, o que a deixa desprotexida en moitos ámbitos… Ademais, é un inmoble co que todos os veciños temos un vínculo emocional e non podemos permitir que se perda”, afírmase na petición.

A herdanza dunha familia catalá adicada á salgadura

E é que a Torre de Escuredo é un edificio histórico situado no centro da vila do Grove. Trátase dun edificio do eclecticismo, aínda que recuperando partes anteriores, que dataría do ano 1922. A vivenda foi erguida por unha familia de orixe catalá dedicada ó negocio da salgadura e a súa denominación podería vir da tradición catalá de chamarlle torres ás vivendas de prestixio.

Casa Escuredo / foto da petición de Change org

A vivenda ten planta en forma de L con dous andares e unha parte baixo cuberta, coa súa típica decoración e distribución propia da época, alternando balcóns e galerías. Nela destaca a súa lanterna acristalada de sección cadrada. Tamén conserva un pombal. Segundo Patrimonio Galego o conxunto estaría composto  por unha antiga edificación dos séculos XVII-XVIII chamada Casa da Carrela e dunha posterior feita entre os anos 1870 e 1891, pero a mediados do século XX perderíase.

Descatalogada pola Xunta

Porén a comezos deste mes de xuño coñecíase que, a petición da familia propietaria, Patrimonio deixou sen efecto a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do edificio. O inmoble fora protexido como Patrimonio Histórico polo decreto de 1949 polo que se declaraban de xeito xenérico os castelos e casas fortes de España, o que en Galicia supuxo na práctica a protección de moitos pazos.

Segundo o decreto da Xunta o Estado tería incluído por erro este inmoble. A documentación achegada polos propietarios demostraría que a vivenda non se correspondería coa definición de Castelo, ó ser unha vivenda de comezos do século XX. A Torre, que pasaría a ser BIC coa Lei 16/95 de Patrimonio Cultural de Galicia, anterior á actual, quedaría descatalogada.

Torre Escuredo / foto Iago Pillado CCBy Wikimedia

Unha vivenda única a piques de desaparecer

“O seu estado de deterioro dende hai anos achégase agora mesmo á ruína… non cremos que a Torre poida soportar un inverno máis sen que a súa lanterna e a galería se desplomen, o que sería xa a confirmación da súa fin” afírmase na petición da plataforma Change.org. Porén, “os danos que sufriu nos seus interiores, entre eles no famoso Salón Árabe, son aínda, seguramente, subsanables, pero non podemos perder máis tempo”, afirman.

“Por iso queremos achegar este documento ó Goberno Municipal e ás administracións ou organismos pertinentes, para que se fagan cargo desta situación e leven a cabo os trámites precisos”, pídese na petición, que se pode asinar neste link. Na petición úrxese a que “a casa de Luís Antonio Mestre e Eugenio Escuredo, que contén unha importantísima parte da historia do Grove, pase a ser un ben municipal”.

Pode que che interese...