fbpx
Afonso X, O Sabio nunha miniatura medieval do Libro dos Xogos / imaxe Four Gothic Kings, Elizabeth Hallam CCBy Wikimedia

Os catro códices orixinais das Cantigas de Santa María ó alcance de todos na Rede

Tempo de lectura: 3 min.

Patrimonio Nacional facilitará o acceso ós códices das Cantigas de Santa María baixo a súa custodia, conservados na biblioteca do Escorial. Así o deu a coñecer o pasado día 14 na súa rede a Real Academia Galega. Tal e como contamos no seu día, a institución solicitáralle a Patrimonio Nacional o acceso libre os chamados Códice dos Músicos e Códice Rico.

E é que entre os documentos orixinais conservados das cantigas estes dous eran os únicos que non contaban con acceso. É por isto que o pasado mes de marzo a RAG emitiu unha declaración pública reclamándolle que seguise os pasos doutras moitas bibliotecas en materia de difusión dos seus fondos e permita o acceso libre a través da rede a estes manuscritos, dous dos catro que compoñen a colección de Afonso o Sabio.

Segundo a institución, a presidenta de Patrimonio Nacional, Llanos Castellanos, en conversa persoal co presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, confirmou o pasado domingo que estarán accesibles ó público a través da Rede nas vindeiras semanas. “Patrimonio Nacional cumpre así unha débeda coa cultura galega, a cultura hispánica, a cultura europea e a cultura universal”, salientan dende a institución galega das letras.

Afonso X nunha miniatura das Cantigas / foto Consello da Cultura Galega

Unha demanda da RAG no 800 aniversario de Afonso X

A RAG contactara previamente, o pasado mes de xaneiro, con Patrimonio Nacional solicitándolle a posta a disposición pública na Rede dos chamados Códice Rico e Códice dos Músicos. Nunha breve resposta, o organismo limitárase a indicar que a dixitalización das obras de Afonso X se contemplaba na súa programación cultural e que estaba a expensas do desenvolvemento da planificación institucional, sen suxerir data ningunha para a súa difusión.

A demanda da Real Academia Galega realizouse cadrando co 800 aniversario do nacemento de Afonso o Sabio. Ó seu padroado débese un dos monumentos máis senlleiros da cultura europea da Idade Media, as Cantigas de Santa María. Pois Afonso X non só foi poeta en galego, tamén acolleu na súa corte unha pléiade de trobadores e xograres que compuxeron cantigas na lingua da lírica medieval peninsular creando unha das obras cumio da lírica europea.

Ilustración das cantigas de Santa María / foto PD Wikimedia

Catro códices que representan un verdadeiro tesouro da cultura europea

A colección das Cantigas de Santa María, que constitúe máis de catro centos cantares en lingua galega, chegou a nós en catro códices elaborados nos tempos do propio rei, no s. XIII. Un dos volumes, o Códice de Toledo, atópase na Biblioteca Nacional de España e pode consultarse no sitio web da institución; outro permanece na Biblioteca Nacional Central de Florencia (Italia), en cuxa páxina web tamén se pode consultar; e os outros dous atópanse na Biblioteca de San Lorenzo de El Escorial.

O códice da Biblioteca Nacional foi ademais levado ó prelo por parte do Consello da Cultura Galega en dúas edicións, de 2003 e 2008, mentres que o Códice dos Músicos foi editado na década dos 60 do século pasado en condicións moi precarias e o Códice Rico, célebre polas súas espléndidas ilustracións, foi unicamente obxecto de edición de luxo por parte de editoras privadas, só ao alcance das persoas e das institucións que poden adquirilos a prezos moi elevados.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: