fbpx
Detalle do castro do Trega / foto infortastiera CC0

Queres coñecer in situ todas as marabillas do monte do Trega?

Tempo de lectura: 2 min.

Unha visita completa para coñecer a fondo as marabillas que  contén o Trega. Ese é o obxectivo das visitas guiadas que arrincarán o vindeiro día 17 para coñecer o Monte Santa Trega. As visitas terán lugar os xoves, venres, sábados e domingos ata o 12 de setembro.

As visitas guiadas ó Monte Santa Trega estarán enfocadas este ano a tres espazos emblemáticos, como son o entorno da ermida, o Castro de Calvo e o Castro do barrio de Mergelina, onde se teñen realizado importantes tarefas de re-escavación e consolidación para a súa posta en valor.

Para participar nas visitas guiadas é preciso unha inscrición previa no teléfono 690017038.  A organización das visitas en grupos reducidos permite unha maior comprensión  e desfrute por parte dos participantes nas mesmas. O punto de encontro e de saída destas visitas será no aparcadoiro da antiga Casa Forestal.

Unhas visitas para coñecer o re-escavado barrio da Mergelina

Un dos lugares máis destacados das visitas deste ano, será o barrio Mergelina. Pois durante a súa recente fase de escavación constatouse que o castro foi ocupado antes do que se pensaba, dende o século IV a.C. Sacouse tamén á luz 43 novas estruturas arquitectónicas que compoñen 11 unidades familiares e ata 43.833 pezas, que formarán parte do vindeiro proxecto de musealización.

Castro de Santa Trega na Guarda / foto antoniaregojo CC0

As visitas permitirán achegarse tamén á recente intervención no concheiro, que se atopa ao lado da porta Sur de entrada ao castro do Monte Trega, e que constituía unha especie de vertedoiro para os seus habitantes. A día de hoxe, é unha fonte de información incalculable pois a través do seu estudo podemos coñecer numerosos aspectos da vida cotiá das persoas que viviron no castro.

Trega 2020+5, un proxecto para consolidar o futuro do castro

Todos estes traballos que poderán coñecerse nas visitas, que forman parte do proxecto “Trega 2020+5”. A través del estase a desenvolver dende o pasado 2020 e ata o vindeiro 2025 o potencial patrimonial, social, cultural e científico do castro  do Trega a través dunha actuación integral.

“Trega 2020+5” desenvólvese  en torno a tres eixos,  recuperar e consolidar os sectores do castro escavados entre 1910 e 1930, manter de forma sostida no tempo o conxunto das estruturas escavadas no castro e expostas ao público e investigar e profundar no coñecemento arqueolóxico do castro  coa  finalidade de  crear contidos destinados á divulgación e ao incremento da valorización do patrimonio.

 

Pode que che interese...