fbpx
A Lagoa de Antela no mapa de Fontán

Vídeo: Así quere Ecoloxistas en Acción recuperar a memoria da Lagoa de Antela, o gran mar interior de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

En 1958 comezaba  desecación da Lagoa de Antela. Tratábase do maior lago interno de Galicia e segundo máis importante da Península. Cun perímetro de máis de 40 km, ocupaba tamén unhas 4.000 hectáreas na chaira da comarca da Limia. Foi coa promesa, por parte do Réxime Franquista, dun aproveitamento multifuncional, como no seu día relatabamos dende Historia de Galicia.

De feito, desde épocas moi antigas, xa houbo intentos para desecar a lagoa de Antela, comezando polos romanos, pero non sería ata os anos 30 do século XIX cando tomarían máis impulso. Neste século hai proxectos que non son moi coñecidos, como o do enxeñeiro inglés John H. Stone, que ten presenza na Limia desde 1873 ata 1890, tal e como recollemos noutro artigo.

Mais agora o Ministerio de Transición Ecolóxica quere recuperala. Así o anunciou a ministra Teresa Ribera o pasado mes de febreiro coincidindo co Día Mundial dos Humidais. Segundo a ministra sería no horizonte do ano 2030 e formaría parte dun plan para recuperar 20.000 ha de humidais en toda España, que se sumarían ós 18.000 xa recuperados nos últimos anos.

 

Unha campaña para concienciar da importancia do humidal e para pedir ambición na recuperación de Antela

Mais Ecoloxistas en Acción pide ambición nesta recuperación. É por isto que lanza unha campaña audiovisual, “para reclamar ó Miterd que sexa ambicioso co proxecto de recuperación da lagoa de Antela e a actuación aprobada abranga polo menos toda a extensión que era de titularidade pública ou monte comunal antes do desaugamento”, afirman.

“A organización ecoloxista sinala a importancia ecosistémica de recuperar os humedais e agarda que esta actuación sexa o primeiro paso para a renaturalización integral da lagoa de Antela”, sinalan.

A recuperación “será beneficiosa para a comarca desde un punto de vista socio económico, pola necesidade de mellorar a calidade e cantidade das augas e, por suposto, para garantir un hábitat para a biodiversidade”. A campaña conta coa colaboración do realizador de documentais Adrián Vilas.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: