fbpx
Casa tradicional en ruínas foto Karlosman CC0

Así debería defender a Xunta o noso patrimonio cultural segundo unha trintena de expertos galegos

Tempo de lectura: 4 min.

Trinta especialistas de diferentes ámbitos tivérono moi claro. A Xunta debería de xestionar dun xeito moi diferente o noso patrimonio. Crear un Observatorio de Patrimonio, unha comisión de Patrimonio no Parlamento e a elaboración dun Plan Autonómico Patrimonial de Galicia deberían de ser os pasos que a Xunta debera dar para comezar a defender de xeito efectivo o patrimonio cultural galego.

E é que en novembro de 2019 o Consello da Cultura Galega botou a andar o Foro Patrimonio e Sociedade, un ambicioso proxecto que tiña como obxectivo propor un cambio na xestión do noso inxente patrimonio, deseñado expresamente para integrar a todas as persoas que teñen que ver co sector, desde a sociedade ata os partidos políticos.

O resultado desta iniciativa concretouse nunha Guía Práctica que, ademais das anteriores recomendacións traza a folla de ruta para a xestión do patrimonio galego nos vindeiros anos. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora do Foro e mais da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, Rebeca Blanco-Rotea, presentaron o pasado 23 de xullo os resultados deste importante proceso.

Casal tradicional en ruínas / foto 2861948 CC0

Crear un Observatorio de Patrimonio, unha comisión de Patrimonio no Parlamento e a elaboración dun Plan Autonómico

No acto de presentación asistiron unha ducia de persoas, integradas no proceso, como os coordinadores Iago Seara ou Cristina Sánchez Carretero e algúns dos membros da Comisión de Cultura do Parlamento, Noa Díaz e Mercedes Queixas. Tamén o catedrático de dereito Carlos Amoedo, a responsable da Área de Cultura e Patrimonio do Valedor do Pobo, Beatriz González, ou Soledad Felloza, da Rede do Patrimonio Cultural.

As conclusións do documento foron claras. Nel ponse enriba da mesa que se necesitan unha serie de ferramentas concretas para poder atender a todas as cuestións que afecten ao noso patrimonio.

Cancela de madeira / foto CarRentalsDeals CC0

A primeira delas, e a máis necesaria, é a elaboración dun Plan Autonómico Patrimonial de Galicia. Nel débese conter as liñas forza da xestión da Administración autonómica. Dado o inxente patrimonio que hai no noso país, enténdese que a educación da cidadanía é clave, por iso fai explícito que ese Plan conteña un apartado específico de educación patrimonial. E tamén deixa claro que se necesita dotación orzamentaria para poñelo en marcha.

Outra das conclusións que apunta o Foro é a creación dunha Comisión de Patrimonio no Parlamento de Galicia. Esta podería estar vinculada á propia Comisión de Cultura, e debería ter como obxectivo atender ó patrimonio como elemento estratéxico e transversal na política cultural galega.

Hórreo de madeira e muro tradicional no Camiño de Santiago / foto Herbymep CC0

Tamén se recomenda a creación dun Observatorio de Patrimonio, cunha sección dedicada á Educación Patrimonial. Un órgano interadministrativo de coordinación da política, normativa e xestión integral do Patrimonio Cultural de Galicia que goce de maior autonomía e, ao mesmo tempo, integre os principais ramos da Administración activa autonómica na xestión do territorio, combinando liderado e participación das visións sectoriais.

Un proceso participativo ata o de agora único para atopar o mellor xeito de defender o patrimonio

“Todas as actuacións que teñen que ver co patrimonio son sempre complexas porque suscitan posicións e propostas que ás veces están enfrontadas” explicou a presidenta do CCG no acto de presentación para dar conta a complexidade do proceso. “A guía en si mesa xa é un fito importante no noso camiño” engadiu.

Secadoiros tradicionais de congro en Muxía / foto makunin CC0

É así que unha das características máis anovadoras deste ambicioso proxecto foi a metodoloxía de traballo, que xerou máis de 1.000 documentos e estreou unha nova forma de traballar participativa. O procedemento deseñado, tomando en conta consideracións de institucións como o Consello de Europa, a UNESCO ou ICOMOS ata o formato doutros plans nacionais, ía xerando documentos que se ían aprobando parcialmente ata chegar ao documento final que se deu a coñecer o pasado día 23

Desde a presentación do Foro, no Día do Patrimonio de 2019, artelláronse tres mesas que pretendían cubrir os diferentes aspectos que encerra o patrimonio. Desde as políticas públicas e normativa legal, coordinada por Teresa Nieto Freire e Cristina Sánchez-Carretero, a conservación, protección e promoción-difusión do patrimonio cultural, con Carlos Nárdiz Ortiz e Iago Seara Morales e a educación, formación e cidadanía, coordinada  por Blanco-Rotea e Juan M. Monterroso Montero.

Hórreos en Combrarro con edificacións que emulan as tradicionais detrás / foto Bernardeta31 CC0

En total unha trintena de especialistas foron traballando en diferentes documentos que se unificaron neste documento preliminar. Despois dese proceso fíxose unha xornada de traballo na que participaron, por primeira vez, os representantes dos diferentes partidos políticos que integran a Comisión de Cultura do Parlamento, para buscar unha postura común nesta materia.

Coas análises das mesas de traballo e os da mesa política, elaborouse un documento cuxos resultados foron presentados, discutidos e analizados por expertos externos nas xornadas públicas que tiveron lugar na sede do CCG entre o 19 e o 21 de abril de 2021. Delas saíron unhas conclusións que se remitiron á Consellería de Cultura, e que están recollidas nesta Guía práctica.

Vivenda tradicional na costa galega foto cheligrafia CC0

Pode que che interese...