fbpx
Globo de Betanzos / foto CARLOS TEIXIDOR CADENAS CCBy Wikimedia

Así se defenderá a partir de agora a bicentenaria tradición do Globo de Betanzos e a súa orixinalidade

Tempo de lectura: 3 min.

O 16 de agosto, día de San Roque, dende mediados do século XIX -aínda que con precedentes de comezos de século-, lánzase na vila de Betanzos ou seu histórico Globo. Trátase do globo de papel máis grande do mundo, realizado artesanalmente na súa práctica totalidade, con materiais tradicionais. Un globo de papel ilustrado con viñetas humorísticas realizadas por artistas locais é lanzado dende a igrexa de Santo Domingo, na praza dos Irmáns García Naveira.

O tradicional globo está constituído por dezaseis cuarteiróns de papel de estraza, pegado con engrudo de fariña de centeo e reforzado con cinta de algodón. O singular globo acada unha altura de 25 metros, un diámetro máximo de 16, unha circunferencia de algo máis de 50 metros, pesa 150 quilos e alberga no seu interior ata 2.300 m3 de aire, quentado con “pachuzos” ou fachos de palla.

A bicentenaria tradición estará agora protexida por unha fundación. Pois así o aprobaba o goberno local de Betanzos nos pasados días no seu pleno. A Fundación Globo de Betanzos será a encargada de conservar, custodiar e divulgar a tradición do Globo de San Roque, creado por Claudino Pita e conservado polos seus sucesores depositando todos os dereitos existentes ao respecto nela.

Globo de Betanzos / foto Concello de Betanzos

Unha fundación para defender a tradición

Foi fai xa un par de anos cando o Concello de Betanzos tomou a iniciativa de crear unha fundación para defender e divulgar a tradición do Globo. A pandemia e a Lei Montoro impediron que a Fundación puidese aprobarse ata agora. Pero, agora si, faise posible que bote a andar. Farao contando con informe positivo por parte dos servizos xurídicos, negativo por parte de Intervención e ratificado polo Pleno.

Coa fundación “o Concello garántese manter unha tradición centenaria e símbolo de Betanzos como é o lanzamento do Globo o día 16 de agosto”, en palabras da primeira edil do Concello, e que cada 16 de agosto achega á vila a unha media de 50.000 persoas que se congregan na praza dos Irmáns García Naveira para o lanzamento. Para a creación da Fundación farase unha achega económica inicial de 20 000 euros.

Como debe ser o globo? E se non pode lanzarse?

A Fundación será por tanto a encargada, como se recolle nos seus estatutos, de elaborar, inflar e lanzar conforme aos patróns e formas custodiadas, o Globo de San Roque cada 16 de agosto con ocasión das festas patronais. Todos estes labores terán que cinguirse canto a materiais e métodos de traballo aos descritos na marca O Globo de San Roque concedida en xullo de 1979.

Nos estatutos da Fundación figurará todo o proceso que hai que seguir cada ano para a elevación e lanzamento do globo. Entre elas, estipúlase que no caso de que non puidese lanzarse “por causa de forza maior” o 16 de agosto, tería que efectuarse o 18 á mesma hora, ás 23:30 h. Se pola mesma causa, tampouco fose posible, tería que facerse o 25 e de non ser así tería que ser destruído para que non poida ser copiado, exposto ou reutilizado por ninguén.

Globo de Betanzos / foto CARLOS TEIXIDOR CADENAS CCBy Wikimedia

Para isto crearase un padroado que estará composto por doce membros: a alcaldesa, presidenta; a concelleira de Cultura, outros tres concelleiros e concelleiras nomeadas pola alcaldesa ou membros da Corporación; o secretario da Corporación; tres membros da familia Pita: Jaime Pita e Emilio Pita e unha terceira persoa da familia escollida por eles. Tamén tres persoas que veñen colaborando na elaboración e lanzamento do Globo dos que unha delas será un dos debuxantes.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...