fbpx
Castelo de Portomeiro / foto Castelos no Aire

Así será a nova escavación na fortaleza que controlou o Tambre dende a Idade do Ferro ata o século X

Tempo de lectura: 2 min.

Unha fortificación de entre finais do século VIII e principios do X situada nun lugar estratéxico que controla o entorno e os pasos do río Tambre. Un lugar con restos, tal e como contamos noutro artigo, tamén do século V e sobre un lugar no que se atoparon elementos da primeira Idade do Ferro.

Así é o chamado Castelo de Portomeiro, as ruínas dun antigo enclave medieval que se localiza no cumio dun outeiro no concello de Val do Dubra. Trátase dun xacemento dun dos momentos máis descoñecidos da historia de Galicia e que nunca fora escavado ata o pasado verán. Agora as escavacións volven para lanzar nova luz sobre este descoñecido lugar.

Farano o vindeiro luns, 12 de xullo e ata o día 23 deste mes, dando comezo á segunda campaña de escavación arqueolóxica no xacemento altomedieval. Esta segunda campaña é froito da colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña e a Asociación Cultura Larada, propietaria do xacemento.

Castelo de Portomeiro / foto Castelos no Aire

Como na anterior intervención, os traballos serán realizados por un grupo de investigadoras do grupo de investigación Síncrisis e en colaboración coa empresa ‘Tempos Arqueólogos’. A escavación estará ademais financiada polo proxecto “Arqueoloxía tardoantiga e medieval en Galicia” da Universidade de Santiago de Compostela, dirixido polo profesor Sánchez Pardo.

A consolidación dun dos edificios para xa facelo visitable

Esta nova campaña no Castelo ten como obxectivo ampliar as zonas intervidas no ano 2020, ademais de ter como novidade a consolidación completa dun edificio. Durante estas dúas semanas, a equipa de ‘Castelos no Aire’, procurará ampliar os datos coñecidos do xacemento coa escavación parcial de tres edificios e a consolidación dun deles.

O equipo dirixido por José Carlos Sánchez Pardo e Mario Fernández-Pereiro quere non só afondar na historia do castelo senón tamén facelo visitable. Trátase de “consolidar para facer do xacemento un lugar visitable e de interese na comarca, pois era unha reclamación da asociación Larada, propietaria do Castelo”, explica Mario Fernández-Pereiro.

Castelo de Portomeiro / foto Castelos no Aire

Unha campaña ‘aberta’ e que formará novos arqueólogos

A escavación terá tamén por obxectivo formar novas fornadas de arqueólogas. “Consideramos moi interesante non só a intervención e os novos datos a obter sobre a Alta Idade Media neste territorio, senón tamén a formación práctica de estudantes do grao de Historia no traballo arqueolóxico”, comenta o profesor José Carlos Sánchez Pardo.

Ademais a campaña pretende tamén, igual que o pasado ano divulgar in situ os valores e a historia do propio xacemento deste castelo altomedieval a través das visitas. Pois o Castelo estará ‘aberta por escavación’, facendo posíbel a calquera achegarse ao xacemento durante os traballos e recibir unha explicación por parte do equipo.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...