fbpx
Menhir de Erboedo na Laracha / foto Turismo de Laracha

Como salvar un menhir do abandono por 8.000 euros

Tempo de lectura: 2 min.

O menhir de Erboedo en Laracha xa é de todos. E o prezo por recuperar unha das poucas pedras fincadas que se conservan en Galicia foi o que pode costar un coche de gama media de segunda man. E é que o Concello de Laracha acaba de aprobar a compra das parcelas nas que se localiza o monolito. Un investimento de tan só 8.000 euros coa que o Concello comprará unha superficie de 4.651 metros cadrados.

E é que, tal e como se aprobou na última sesión da Xunta de Goberno Local, o Concello de Laracha aproba o proxecto de expropiación dos terreos nos que se sitúa o menhir, tamén coñecido como marco da Anta ou pedra do ghicho. Faise unha vez superado o período de información pública ao que estivo sometido o documento durante un mes.

Trátase de 4.651 metros cadrado repartidos en tres parcelas catastrais de solo rústico de protección integral de patrimonio e solo rústico de protección forestal ou de montes. Agárdase que unha vez completado o procedemento de expropiación, o Concello leve a adiante as actuacións precisas para favorecer a súa conservación e acondicionar o terreo e os accesos.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura, Patricia Bello co menhir / foto Concello de Laracha,

Ademais, como xa contamos en varias ocasións, o proxecto forma parte dun Plan Especial de Patrimonio Cultural que o Concello de Laracha fixo efectivo a través dunha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O Plan recolle, xunto ó menhir, outros elementos patrimoniais do Concello como o Castro de Montes Claros, Castro da Pena, Croa de Santa Baia, as Torres de Cillobre e os dous Fornos dos Mouros de Soandres.

O único menhir de Bergantiños?

O menhir de Erboedo situado, no lugar do Loureiro, nos montes de Santa Locaia, parroquia de Erboedo, preto do río Anllóns, cóntase como o único menhir identificado como tal nas terras de Bergantiños. Un monumento megalítico identificado como da Idade do Bronce.

Trátase dunha gran pedra de granito de gran groso cóncavo/convexo con tendencia ó prisma triangular, con vetas de cuarzo e feldespato. O menhir acada 2,05 metros de altura, 75 cm. de ancho na base prismática e 38 cm. na punta. No extremo distal presenta un suco de 4 cm. de grosor nunha veta de cuarzo que se aproveitou para escotar a cara oeste.

Menhir de Erboedo na Laracha / foto Concello de Laracha

A súa entalladura recorda ás que teñen algúns dos ídolos das antas de corredor, e interprétase como un trazo antropomorfo ou unha representación fálica, que podería ter pervivido na cultura popular. O menhir cítase na Xeografía Xeral do Reino de Galicia, no volume de Carré Aldao do ano 1929.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...