fbpx
Teatro no Trega, cartaz / foto Concello da Guarda

Como tería sido o encontro entre Exeria e o último habitante do castro do Trega?

Tempo de lectura: 2 min.

A nobre e valente Exeria, tras anos viaxando, volve á súa terra, Gallaecia, chea de proxectos, entre os que está a conversión do castro de Santa Trega, supostamente abandonado, nunha vila organizada de acordo aos novos tempos. Mais o castro garda moitas sorpresas e tesouros que custodia Grovio, o seu último e inesperado habitante.

Este é o singular argumento de A viaxe de Exeria ao Castro unha representación teatral da man da compañía Os Quinquilláns que, ó longo deste verán, trasladará ós asistentes ó castro á época na cal o poboado estaba habitado. E é que o Concello da Guarda ofertará nos meses de xullo e agosto deste 2021 “Teatro no Trega”, unha nova experiencia para coñecer o xacemento.

A representación está inspirada na personaxe histórica de Exeria, a muller peregrina que  no S.IV emprendeu viaxe ata Xerusalén. En torno ao ano 380 esta muller procedente dunha familia nobre do Noroeste peninsular, da Gallaecia, deixou por escrito a súa peregrinación nas cartas que enviaba a amigas e familiares.

Teatro no Trega, cartaz / foto Concello da Guarda

Na Idade Media estes escritos foron compilados por un monxe da Abadía de MonteCasino no chamado Itinerarium de Egeria, un dos grandes textos da literatura periexética de Occidente e unha das grandes fontes históricas escritas do noso pasado. Este Itinerarium inclúe detalladas descricións da viaxe ata Oriente: Constantinopla, Siria ou os Lugares santos, entre outros.

Mais entre outros lugares que visita Éxeria atópase o martyria a Santa Tecla en Seleúcida. É esta unha das primeiras referencias que vincularían ó culto a Santa Tecla, moi arraigado en Asia Menor e na parte oriental do Imperio Romano, coa Península Ibérica, Galicia e con este mesmo xacemento.

Así, nesta edición de “Teatro no Trega” realizaranse estas novas representacións no sector de Mergelina do castro, con dous pases, ás 18:30h e ás 20:00h. Poderase asistir previa inscrición, dende o luns previo a cada cita, en centrocultural@aguarda.es, indicando nome completo dos asistentes e teléfono. A inscrición farase por grupos de convivintes.

Castro de Santa Trega na Guarda / foto antoniaregojo CC0

Pode que che interese...