fbpx
O Museo do Prado de Madrid / foto falcoCC0

Madrid Paisaxe da Luz, a candidatura española que competía coa Ribeira Sacra, xa é Patrimonio Mundial

Tempo de lectura: 4 min.

Madrid Paisaxe da Luz xa é Patrimonio Mundial. Así se decidiu na reunión do 44o Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO, celebrada en Fuzhou (China) o pasado día 25 de xullo. Nela a candidatura da capital española pasou a estar inscrita na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO na categoría de Paisaxe Cultural sendo o primeiro enclave do capital con este recoñecemento.

Trátase da paisaxe composta polo Paseo do Prado, a histórica avenida de Madrid onde se atopan institucións culturais como o Museo do Prado, o Thyssen o Reina Sofía ou o Caixaforum e os históricos xardíns do Retiro de Madrid, xardíns creados polos Austria e que máis tarde pasarían a formar parte do urbanismo público da cidade. A elección do proxecto de Madrid recoñeceu a relevancia de combinar natureza, cultura e ciencia nun ambiente urbano.

A reunión foi seguida en streaming dende o Museo Nacional do Prado, onde se atopaban as autoridades políticas que celebraron a decisión. O alcalde de Madrid José Luis Martínez-Almeida amosou a súa emoción “porque hoxe, en tempos de pandemia, nunha cidade que sufriu moito nos últimos meses, temos motivos para celebralo” asegurou. Tamén que Madrid asume “con orgullo, honra e cunha tremenda responsabilidade ter un sitio inscrito na Listaxe do Patrimonio Mundial e estará á altura ”.

Pazo de Cristal nos xardíns do Retiro / foto IvanPais CC0

Para celebralo, na noite de onte o ceo de Madrid iluminouse con fogos de artificio que foron botados dende o tellado do Palacio de Cibeles. Fogos con efectos e unha variedade de cores, que rematarán en tons azuis, como homenaxe á bandeira da UNESCO. Ademais, tras o solpor, a cor azul iluminou a Porta de Alcalá, as fontes de Cibeles e Neptuno, o Monumento 11M e a estación de Atocha.

A paisaxe da luz, un eixo urbano que xunta o natural e o cultural

O proxecto representa unha paisaxe cultural nacida da interrelación entre as persoas, as arquitecturas, a cultura e a natureza. Unha paisaxe deseñada nun contexto urbano que evolucionou co paso dos anos e que, ó mesmo tempo, mantivo a súa esencia: o desexo de combinar cultura e natureza.

O paseo do Prado sería un dos primeiros exemplos de grandes avenidas urbanas desenvolvidos no século XVI. Ademais ó seu redor atópanse as grandes institucións culturais, científicas, políticas, económicas e representativas da sociedade madrileña.

Xardíns do Retiro de Madrid / foto MaatkareCC0

Ademais a avenida está históricamente e xeograficamente ligada ós xardíns de El Buen Retiro. Tanto o paseo como o parque forman un complexo indisoluble cuxa orixe remóntase a mediados do século XVI, cando por primeira vez se concibiu un espazo para que os cidadáns puidesen gozar da natureza dentro dos límites da cidade.

A finais do século XVIII, o rei Carlos III abriu ó público os xardíns integrándoos na renovación xeral da cidade, cunha nova visión do espazo urbano que incluía un factor innovador e decisivo único no seu tempo: a creación dun conxunto de institucións culturais e científicas. Foi un gran proxecto de divulgación da ciencia e do ensino científico para todos os cidadáns que, aínda que embelecían a cidade, constituían un modelo de desenvolvemento urbano do período da Ilustración.

A competidora española da candidatura da Ribeira Sacra

Así, por todos estes motivos, a candidatura da capital de España conseguía acadar o tan ansiado recoñecemento como Patrimonio Mundial. Un recoñecemento ó que finalmente non optou a candidatura da Ribeira Sacra, que habería de competir tamén neste ano coa candidatura de Madrid polo recoñecemento da UNESCO. Isto deixaba a candidatura de Madrid como única competidora española.

Esculturas no Paseo de la Castellana de Madrid / foto alborobeto CC0

E é que o pasado 3 de xuño a Xunta anunciaba que non presentaría a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial neste verán, tal e como lle correspondería. A Xunta retiraba a proposta para poder presentala, segundo eles, dun xeito máis eficiente no futuro. Mais o motivo real foi, tal e como contamos noutro artigo, unha avaliación negativa do ICOMOS que demostraría as grandes deficiencias da candidatura galega.

Parque de El Buen Retiro en Madrid / foto nperron22 CC0

 

Pode que che interese...