fbpx
Pazo de Mariñán / foto Turismo de Galicia

O espléndido Pazo de Mariñán distinguido como Xardín Histórico Observer

Tempo de lectura: 4 min.

Unha defensa sobre a mesma ría de Betanzos mandada construír por Gómez Pérez das Mariñas, un nobre cabaleiro da corte de Juan II, que participou dunha maneira activa nas loitas Irmandiñas. Gómez Pérez autotitulábase naquel século XV “Señor das Mariñas, de Mesía e de Moscoso”, iniciando a construción inicial do que sería o pazo “de Bergondo”, despois coñecido como “Pazo de Mariñán”.

Trátase dun dos máis destacados exemplos de arquitectura pacega do arco ártabro. Cunha excepcional arquitectura barroca, planta en U, escalinata imperial, solaina, lareira e cheminea e capela, baixo deseño de Fernando de Casas Novoa, autor da fachada do Obradoiro. O pazo conta tamén con tallas de José Gambino e José Ferreiro e cun impresionante xardín con árbores centenarias.

É por todo isto que o Pazo de Mariñán e os seus xardíns acaban de ser declarado ‘Destino Observer’ baixo a categoría de ‘Xardín Histórico’. Trátase dunha distinción outorgada por parte da ObserverScienceTourism.com, como distinción de turismo científico en recoñecemento da singularidade dos seus valores botánicos pero tamén culturais e históricos do pazo.

Pazo de Mariñán / foto Turismo de Galicia

Para esta entidade o pazo, “ademais dos seus valores naturais, conta cunha pinacoteca visitable, de enorme valor, centrada en obras de arte dos séculos XIX e XX, moitas delas de artistas galegos”. Tamén “cunha das propiedades señoriais máis emblemáticas de Galicia” polo que cumpre os requisitos impostos pola certificación para converterse en Xardín Histórico Observer.

Os lugares de máis alto interese científico, cultural e botánico

Os Xardíns históricos Observer son lugares de interese cultural e botánico. Quedan definidos nesta categoría os conxuntos históricos do patrimonio natural ou cultural que constitúan un recurso único e singular a través do que realizar actividades de divulgación e turismo científico no eido da botánica e a historia.

O obxectivo da certificación Observer é poñer en valor e recoñecer a singularidade dos recursos turísticos que avalían. Tamén achegar ós xestores do espazo una ferramenta de planificación que sirva de guía para deseñar novas estratexias turísticas acordes ao patrimonio dos destinos que certifican.

Pazo de Mariñán / foto Turismo de Galicia

Unha xoia da Ruta da Camelia

Así. para a súa acreditación, Observer® valorou aspectos que teñen que ver co patrimonio natural e cultural, a conservación da biodiversidade, proxectos de investigación, actividades de turismo científico, persoal cualificado ou a colaboración con provedores de Km 0, entre outros aspectos. O proceso de certificación, encargado pola Deputación de Coruña dou comezo o pasado mes de febreiro, e remata agora a súa primeira fase de certificación.

Ademais o Pazo de Mariñán e os seus xardíns de excelencia, con árbores centenarias e senlleiras, destaca tamén como un dos puntos máis salientables da Ruta da Camelia. Así, “unha das razóns desta certificación Observer é que o Pazo pertence esta ruta, e en Mariñán temos varios exemplos de camelias senlleiras”. De feito, explicaba Pilar Varela, vicepresidenta da Sociedade Internacional da Camelia para Europa, “non hai outro sitio no mundo onde exista unha formación de camelias como esta”.

Frores caídas de camelia / foto Songsy CC0

Outro tipo de turismo posible

A certificación foi entregado hoxe nun acto que tivo lugar no propio pazo. O acto estivo presidido polo vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, a directora de Observer, Maite Vence e a vicepresidenta da Sociedade Internacional da Camelia para Europa, Pilar Varela.

No acto Regueira, poñía o foco nun novo tipo de turismo posible. “Debemos avanzar na profesionalización para que o turismo sexa tamén un negocio que xere riqueza e emprego”. Pois “con esta certificación queremos fortalecer os recursos propios cun nivel máximo de experiencia na visita e tamén de coñecemento”. Para Regueira é o primeiro paso para entrar nun turismo de elite “a través do que moitas persoas virán a Mariñán non só pola súa historia ou os seus xardíns se non tamén polo coñecemento que hai detrás”.

Pazo de Mariñán foto -Merce- CC-BySA Wikimedia

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, lembrou que “este é un enclave para desfrutar, do edificio, da arte que se engloba nel e tamén da natureza”. Segundo a rexedora “entre todas as administracións debemos buscar a excelencia turística porque, cada vez máis, se está achegando a esta zona que buscan esa experiencia completa e este e un paso nese sentido”.

Pola súa banda, a directora de Observer, Maite Vence, incidiu en que “esta certificación achega aos xestores dos espazos unha folla de ruta que sirve de guía para deseñar estratexias turísticas acordes ó patrimonio do destino”. Segundo ela “o Pazo de Mariñán cumpre todas as nosas premisas” para facelo posible.

Xardíns do Pazo de Mariñán / foto Deputación da Coruña

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...