fbpx
Obras no castro de Alobre en Vilagarcía / foto Ministerio de Fomento

Un informe demoledor do ICOMOS pon en dúbida o proxecto Trazas de Pontevedra

Tempo de lectura: 6 min.

O pasado mes de abril a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ós alcaldes de Silleda, Vilagarcía e Marín, presentaban, en cada un deses tres concellos, tres intervencións en tres castros. Eran os de Alobre en Silleda, Toiriz en Vilagarcía e Subidá en Marín.

Tratábase do proxecto ‘Trazas de Pontevedra’, un proxecto promovido conxuntamente polo Ministerio de Fomento e a Deputación, para a posta en valor dos tres xacementos galaicos. O proxecto contou cun orzamento de 600.651,78 euros, para traballos de información, percorridos e acondicionamento paisaxístico. As obras estiveron desenvolvidas pola empresa Patrimonio Inteligente e contaban co deseño de AGi Architects.

Cartelería no castro de Subidá e pedra con petróglifos / foto María López

Un proxecto con duras críticas

Mais, moitas foron as voces que se alzaron contra a intervención. Varios colectivos en defensa do territorio e do patrimonio deron a voz de alarma polo impacto das obras nos xacementos ó non axeitarse ós estándares propios dunha intervención nun espazo arqueolóxico. Porén as obras tiñan o visto e prace da Dirección Xeal de Patrimonio.

De feito, varios colectivos chegaron mesmo a dirixirse  á Delegación Permanente de España ante a UNESCO para instar a esta organización internacional a intervir fronte ás obras. Tamén se presentou unha petición en Change.org que acadou preto de 2.000 sinaturas. As intervencións contaron ademais cunha enorme contestación por parte de profesionais e técnicos da arqueoloxía a través de comunicados e manifestacións en redes sociais.

Inauguración do castro de Subidá / foto Concello de Marín

Unha pregunta ante o ICOMOS para defender os castros

Así, algunhas destas asociacións uníronse para reclamar o pronunciamento de institucións nacionais e internacionais. Entre elas estiveron a asociación UMIA VIVO,  asociación Irmandade Illa de Tambo,  colectivo pola defensa do territorio ANOVATERRA e colectivo pola defensa do patrimonio A FORNEIRIÑA.

Todas elas  presentaron preguntas conxuntas dirixidas a diferentes organismos. Estes foron o Consello da Cultura Galega, o Ministerio de Cultura, Ministerio de Transportes, antigo  Fomento, ó Delegado Permanente de España ante a UNESCO, ó Consejo del Patrimonio Histórico, ós Concellos de Marín, Silleda e Vilagarcía e ó Consejo Internacional de Monumentos y Sitios (ICOMOS).

Tal e como declaraban nos pasados días nunha nota de prensa, só contestaron o Ministerio, o Delegado Permanente da UNESCO, o Consello da Cultura Galega e o Concello de Vilagarcía. Dende o Ministerio, promotores da obra, xustificaron os proxectos baseándose en que seguiron un escrupuloso respecto a normativa vixente. O Consello da Cultura Galega prometeu elaborar un informe; dende o Delegado da UNESCO afirmaban carecer de competencias, e o Concello de Vilagarcía facilitou algunha información sobre o proxecto.

Obras no castro de Alobre en Vilagarcía / foto Ministerio de Fomento

A única resposta concreta, a do ICOMOS

Tan só o ICOMOS (Consello Internacional de Monumentos e Sitios, órgano consultivo da UNESCO) deu unha resposta feaciente ás demandas das asociacións. Pois a un escrito, que contou coa adhesión do anterior Presidente da Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía (AEGA), responderon cun extenso informe no que se fai unha valoración do procedemento e dos proxectos con una serie de recomendacións.

“No escrito dirixido a ICOMOS , solicitamos con data de 1 de decembro de 2020 que interceda ante os promotores do proxecto, requirindo a reconsideración dos proxectos por entender que o deseño e a súa execución supón un impacto que contradí o establecido na normativa autonómica, estatal e nos tratados e declaracións internacionais”, afirma Xesús Rodríguez, presidente de UMIA VIVO.

“O informe de ICOMOS de xeito motivado cuestiona todos e cada un dos aspectos procedimentais, de deseño, metodolóxicos e de execución  dos proxectos  o que deixa en evidencia a falta de rigor de  todos e cada un das responsables das institucións que deseñaron tramitaron, aprobaron  e executan os proxectos”, afirmaba Rodríguez.

Caretelería no castro de Subidá / foto María López

Un informe demoledor para o proxecto

O Comité Nacional Español do Consejo Internacinal de Monumentos e Sitios (ICOMOS), remitiunos un extenso informe facendo unha valoración do procedemento e dos proxectos cunha serie de recomendacións das que citamos algunhas:

  • Cuestiona o carácter  uniforme para os distintos xacementos e espazos sen diferenciación de elementos para os espazos arqueolóxicos escavados, os ocultos ou as contornas dos sitios

  • Critica que o proxecto carece dunha análise específica que apoie a conveniencia das accións enumeradas nas devanditos listaxes, nin da oportunidade e conveniencia das propostas arqueolóxicas.

  • Evidencia que tampouco existe unha valoración crítica dos resultados das instalacións e equipamentos xa existentes en cada castro e a necesidade de substitución. Todo se sustenta nunha mera unificación de imaxe e accións cuxas vantaxes tampouco se avalían

  • Incide en que non se concretan as tarefas de mantemento que será necesario acometer con posterioridade ás obras nin o seu custo, polo que se intúe unha difícil planificación

  • Resalta que se someten os xacementos a unha forte carga de remoción sen avaliar os riscos que leva, e non esquezamos que se trata de elementos culturais non restituíbles.

  • Reitera que o documento non especifica a necesaria translación dos deseños e propostas premiadas á singularidade de cada xacemento arqueolóxico, ás súas estruturas, e á contorna.

  • Chama a atención sobre as actuacións no castro de Toiriz sen escavación previa.
  • Incide na falta de xustificación do informe da Deputación sobre os condicionantes impostos pola Dirección Xeral de Patrimonio.

  • Resalta que non se garante a reversibilidade das intervencións e sinala que non se realizaron sondaxes valorativas previas o inicio dos propios movementos de terras

  • Pon de manifesto que non se axustou o proxecto ós requirimentos da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, con carácter previo a licitación das obras.

  • Reclama que se fagan públicos os procesos seguidos na execución das obras e a memoria final dos traballos  arqueolóxicos  e ter accesos  á súa consulta por parte dos cidadáns e especificamente polos interesados no expediente.

  • Asegura que as capas superficiais tamén forman parte do xacemento arqueolóxico, aínda que non afectarían ás estruturas arqueolóxicas, porque explican os procesos deposicionales e protexen as propias estruturas, polo que conteñen diversa e variada información que debe ser rexistrada.

  • Cuestiona a “metodoloxía dificilmente lexitimada en calquera proxecto científico e remiten a accións de salvagarda propias de achados casuais impropias de proxectos planificados de intervención no patrimonio cultural”.

  • Critica  que os elementos construtivos deseñados non faciliten a lectura dos restos arqueolóxicos que se pretenden valorizar por trátase de actuacións  constituídas  por elementos, equipamento e infraestruturas  urbanas instaladas sobre os xacementos arqueolóxicos, entre os restos e na contorna aos mesmos, sen que se entenda como a súa configuración e disposición pode axudar a  comprender a articulación territorial da provincia e de Galicia nin configurar un nicho de turismo cultural de calidade.

  • Afirma con rotundidade o pouco afortunado que resulta este deseño para a súa implantación en sitios arqueolóxicos porque existen solucións e exemplos contrastados de instalacións similares que utilizan bases de formigón que se apoian sobre o terreo e permiten a súa permanente translación, substitución ou eliminación sen que supoñan perigo para os visitantes nin afección ou os restos arqueolóxicos.

  • Cuestiona o exceso de elementos previstos no proxecto cando existen alternativas mais liviáns e baratas”.

“Desvían fondos públicos para proxectos de cuestionable eficiencia”

Así, as denuncias cidadáns e o informe de ICOMOS “poñen en evidencia que todos aqueles cargos electos,  institucións  e órganos con competencias en materia de Patrimonio Cultural incumpren a legalidade vixente, fan deixación de funcións e poñen en situación de risco o patrimonio cultural,  mentres desvían fondos públicos para proxectos de cuestionable eficacia e prioridade”, afirma en conclusión Xesús Rodríguez.

É por isto que “non queda outra que recoñecer que en pleno século XXI asistimos a unha destrución intencional do patrimonio cultural a que fai referencia a ‘Declaración da UNESCO relativa á destrucción intencional del patrimonio cultural’ de 17 de outubro de 2003”, lembraba tamén.

Pica interpretativa no castro de Subidá / foto María López, Facebook

“Dende as asociacións e colectivos  reiteramos, una vez máis, a necesidade dun plan de emerxencia e xestión do patrimonio arqueolóxico que garanta a identificación, sinalización e limpeza para evitar danos”, afirmaba. “O informe que facemos público con esta nota ós medios, foi enviado polo ICOMOS á Directora  Xeral de Patrimonio Cultural co que temos  entrevista solicitada e que esta demorando alegando problemas de axenda”.

 

Pode que che interese...