fbpx
A Moura / foto Turismo de Santiago

Un roteiro para recuperar a mitoloxía galega a través da realidade aumentada?

Tempo de lectura: 2 min.

Incluír anacos dixitais da nosa mitoloxía nunha paisaxe real, a dun monte galego: o compostelán monte Viso. Este é o obxectivo de “O Misterio do Monte Viso” unha aplicación que permite xogar in situ a través dun smartphone ofrecendo contidos multimedia do lugar a través de personaxes da nosa mitoloxía.

Trátase de “O misterio do Monte Viso”, un xogo no que se pode coñecer o lugar obtendo pistas dos diferentes personaxes mitolóxicos para poder resolver ese misterio do monte. O xogo pode descargarse de forma gratuíta a través de ‘Google Play’. Coa iniciativa agárdase promover que a cidadanía, especialmente os máis cativos, poidan coñecer e gozar dun lugar singular e de gran valor ecolóxico.

Ademais o xogo ten unha particularidade máis. Está desenvolvido a través do Obradoiro de Emprego Santiago Sustentable II, dando formación e novas oportunidades a persoas desempregadas do concello. O xogo desenvolveuse ademais con medios exclusivamente municipais do Concello de Santiago de Compostela.

Na busca das personaxes da cultura mitolóxica galega

“O Misterio do Monte Viso” trátase en concreto dun xogo de cartas de realidade aumentada na que para xogar vai presentando personaxes da mitoloxía galega, como o nubeiro, o rei Breogán ou o Urco, un can enorme de pelaxe negra con grandes e longas orellas, afiados cornos e feros ollos vermellos.

 

É unha tecnoloxía que busca mesturar mundo real co mitolóxico a través dunha experiencia pouco común e cunha nova forma de interactividade. A propia pantalla do dispositivo móbil, onde se visualiza o xogo, fusiona as dúas realidades, aumentando as posibilidades dun mundo real, ata o de agora máis limitado. O Concello difundirá tamén entre os escolares do municipio o Xogo de cartas.

A tecnoloxía da realidade aumentada amplía as posibilidades da experiencia didáctica porque presenta un material máis lúdico e impactante para os máis cativos, que esperta a súa curiosidade. Ademais achega unha nova forma de coñecer o lugar nunha zona moi visitada de Santiago, sobre todo durante as fins de semana, por moitas familias e persoas chegadas de toda a comarca.

O Gatipedro / foto Turismo de Santiago

Pode que che interese...