fbpx
Santa Cruz, Oleiros / foto roromayccs CC0

Un veciño de Sada doa ó Concello de Oleiros máis dun millón de euros en obras de arte

Tempo de lectura: 2 min.

Unha ampla colección de todo tipo de obras arte, como cadros, figuras, reloxos, mobles, esculturas, moedas…, valoradas en máis dun millón de euros. Esta é a excepcional doazón que o Concello de Oleiros acaba de recibir dunha persoa polo de agora anónima, residente en Sada. As pezas foron entregadas de balde ó Concello coa única condición: que se expuxeran ó público de maneira conxunta nun mesmo recinto.

“Hai varias semanas chamoume unha persoa que tiña unha grande colección de obras de arte porque quería doarlla ó Concello, coa única condición de que se expuxera de forma conxunta” afirmaba o rexedor oleirense Ángel García Seoane. “Segundo me comentaba dirixírase tanto á Xunta como ó Concello de Sada para ofrecer todo este patrimonio, pero parece que todos lle daban largas”, afirma.

Edificio A Nave Espacial de Sada / foto Concello de Sada

“Nós, indubidablemente, fomos ver o que tiña e dado o seu valor artístico aceptamos de inmediato”, explicaba o rexedor a través dunha nota de prensa ós medios o pasado día 12. “Polo momento non podo facer público o nome desta persoa. Tan pronto como sexa posible fareino, para agradecerlle esta importante doazón ao Concello de Oleiros”.

Un médico de Sada afeccionado á arte

 A colección, podería estar composta por máis de 70 cadros, reloxos  e mobles antigos ou ata 20 quilos de moedas de prata, que poderían estar almacenados nun piso de Sada. Poderían pertencer, tal e como ampliaba o xornal La Opinión de A Coruña, a un médico desta localidade afeccionado á arte.

Segundo o medio, o alcalde de Sada, Benito Portela, tería recibido a mesma oferta. Porén, como el mesmo afirmaba esta non tería sido en firme, a pesar de ter mesmo visitado a colección. O Concello de Oleiros podería estar plantexando situar colección nas salas de exposicións do castelo de Santa Cruz.

Castelo de Santa Cruz en Oleiros / foto HdG

Pode que che interese...