fbpx
Otero Pedrayo nunha disertación / foto frame do vídeo promocional da conferncia

Unha cápsula do tempo de Otero Pedrayo a xeito de “podcast” volverá escoitarase na praza do Obradoiro 69 anos despois

Tempo de lectura: 2 min.

45 anos despois da súa morte, a voz de Otero Pedrayo volverá a escoitarse na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. Será o vinceiro luns 26 de xullo de 2021 ás 21h na praza compostelá nunha audición aberta. Será cunha conferencia sobre Xelmírez que acaba de ser rescatada nunha bobina de aceiro e na que se escoita a voz do histórico escritor e investigador falándonos desta personaxe da nosa historia.

Trátase dunha bobina na que no seu día se gravou unha conferencia dada polo investigador na propia praza, fai agora 69 anos. Otero, considerado un dos grandes oradores do século XX en Galicia, pronunciou a conferencia no refectorio do Pazo bispal o 15 de xullo de 1952. Todos os que se acheguen á praza poderán volver escoitar a brillante conferencia sobre Xelmírez, o primeiro arcebispo de Compostela.

E é que, a xeito de cápsula do tempo, a gravación permaneceu oculta e esquecida no arquivo familiar do oftalmólogo Dr. Antón Beiras nunha bobina de fío de aceiro. Desa bobina conseguiuse rescatar o son orixinal e a voz de Otero Pedrayo tras someterse a un proceso de dixitalización, edición e masterización. A voz recuperada cobrará agora de novo vida no mesmo Obradoiro.

Volver ó Refectorio do Pazo de Xelmírez 69 anos despois

A peza volverá a escoitarse no mesmo sitio onde se pronunciou no seu día o discurso. Foi no coñecido como Refectorio do Pazo de Xelmírez, unha das poucas estancias de románico civil que se conservan na actualidade en Galicia. Nesta mesma sala 25 afortunadas testemuñas poderán escoitar in situ o audio, ó mesmo tempo que quen o desexe poderá escoitalo dende o Obradoiro.

Cartaz promocional da conferencia

Ademais, para introducir e despedir a conferencia de Otero Pedrayo gravouse ex profeso coa coñecida voz do actor Miguel Pernas. É nunha breve introdución e despedida que contextualiza a conferencia para todos os que descoñezan a historia de cómo chegou a nós o son orixinal desta peza.

O primeiro arcebispo de Compostela

A conferencia ten toda a intensidade épica e o poder evocador dos mellores textos de Pedrayo. Achegándose a Xelmírez D. Ramón consegue trasladar ao seu auditorio ó século XII e revivir un dos momentos máis épicos da historia compostelana. A través  das elocuentes palabras de Pedrayo veremos converter a cidade no que hoxe é, unha das tres cidades santas da cristiandade, xunto con Roma e Xerusalem.

A voz portentosa de Ramón Otero Pedrayo permítenos ser testemuñas de todas as intrigas, revoltas e guerras que o primeiro arcebispo de Santiago de Compostela tivo que protagonizar ata conseguir a consagración do Palio para Compostela e a concesión da dignidade metropolitana. Unha aventura poucas veces contada e nunca narrada coa paixón coa que o fai nesta gravación Otero Pedrayo.

Otero Pedrayo nunha disertación / foto frame do vídeo promocional da conferncia

Pode que che interese...