En profundidade: así foron os dez anos de escavacións en Armea, a gran cidade romana de Allariz
Tal e como contamos o pasado mércores, a comezos deste mes de xullo comezará unha nova campaña de escavacións arqueolóxicas no castro de Armea, en Allariz. Trátase da décima campaña consecutiva no castro, o que o converte nun verdadeiro referente da arqueoloxía galega e un xacemento esencial para entender a cultura galaica e romana.
E é que o Concello de Allariz e Universidade de Vigo levan xa dez anos descubrindo un dos xacementos máis importantes de Galicia. No proxecto levan xa unha década a colaborar o Concello de Allariz e a facultade de Historia da Universidade de Vigo. Foi a través do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat), nunha escavación dirixida por Adolfo Fernández.
O castro, o Forno da Santa e o monte do Señoriño
A chamada Cibdá de Armea é un recinto romano, coa aparencia dun castro, que estaría habitada, segundo os estudos, entre de entre os séculos I e III d.C. As primeiras escavacións no lugar datan da década de 1950 por Francisco Conde-Valvís e correspóndense coa zona da Atalaia, onde se atoparon dúas grandes domus. Dende o ano 1963 o xacemento é Ben de Interese Cultural.
O xacemento estaría conformado por tres recintos escavados, o castro ou Cibdá de Armea, localizado no alto do monte das Casarellas; o forno da Santa, situado nas faldras meridionais do monte; por último a Atalaia, no monte do Señoriño, localizado na zona máis alta, correspóndese cos restos dunha vila romana con rúas pavimentadas.
Nesta zona atopáronse dúas grandes casas ou domus. Son as coñecidas como Domus de Hexacele e a Domus da Roseta, xunto con rúas pavimentadas, rede de saneamento ou canles de evacuación de auga. A primeira é unha gran casa urbana con dúas zonas acodadas ou en L, un adro columnado, lagar e cociña e un patio. A outra con salóns dormitorios unha cociña e almacéns sábese que tería un segundo andar cun balcón que daría ó patio, dun xeito semellante ás nosas solainas.
O Forno da Santa
Ademais desta gran vila romana, o do castro de Armea destacaría especialmente pola súa capacidade termal na época galaico-romana. Sería no lugar coñecido como o Forno da Santa, situado nas faldras do monte. Trátase dunha cripta templaria soterrada que podería corresponderse cunha sauna prerromana.
É esta unha tipoloxía xa moi coñecida nos castros galegos e portugueses, con fornos, unha sala anterior e un estreito acceso a través dunha chamada ‘pedra formosa´. Porén a tradición fálanos da cristianización do lugar. Pois a lenda conta que foi neste lugar onde se tentou queimar a Santa Mariña, converténdose nunha basílica inacabada que data do século VI.
Dez anos de escavación
Todos estes espazos foron escavados ó longo destes dez anos. Pois neste vindeiro mes de xullo contarase unha década de escavacións consecutivas, todas elas especialmente frutíferas. Todas elas baixo este equipo de investigación e financiadas integramente polo Concello de Allariz. A Xunta de Galicia participou por primeira no ano 2020 con 30.000 euros tras nove anos de campaña.
No xacemento, ademais de descubrir tres domus e unha vía central, así como outros recintos, atopáronse restos tanto pétreos coma de materiais cerámicos, tellas e vidro, pequenas alfaias na súa maioría elaboradas en bronce, moedas e restos de pigmentos. Poden atoparse estancias con lareiras, muíños, canles de desaugue, pavimentos e zonas dedicadas a produción de utensilios de metal e vidro.
O tesouro pétreo de Balvís, trísceles e unha adega
Mais un dos achados máis excepcionais en Armea foi durante a escavación do ano 2018, que acabou por deixar á vista practicamente todo o recinto da Atalaia. No curso destes traballos sacando o recheo dunha das zonas escavadas na década de 1950, que Francisco Conde-Valvís escavou e logo volveu a cubrir, o equipo da campaña atopou o que eles chamaron “o tesouro pétreo de Balvís”.
E é que baixo un dos muros da finca atoparon varias bases, capiteis e fustes de columnas, varias partes de muíños e unha roseta, que se supón que pertencen á domus máis próxima. “Foi moi emocionante cando empezaron a aparecer as pezas unha tras outra”, lembraba daquela Alba Rodríguez, unha das arqueólogas do proxecto.
E non foi o único tesouro en pedra, pois na campaña anterior, na correspondente a 2017, atoparíanse pedras labradas que engalanaban os muros das vivendas. Unha delas foi un tríscele con restos de pigmento vermello, o que indicaría que os muros destas casas se atopaban enlucidos cun morteiro desa cor.
Mais son tamén de destacar os achados do ano 2019. Pois sacaron á luz un espazo “relacionada quizais coa produción de viño”. “Cremos que o lagar situaríase nos bolos graníticos desa zona elevada e que logo habería unha superficie lisa onde levarían a cabo tarefas relacionadas co viño”, afirmaban as arqueólogas Patricia Valle e Alba Rodríguez. Nas rochas naturais, detallan, “apareceron numerosos rebaixes, canles, lagaretas e outro tipo de marcas que apuntan á instalación dun lagar.
O Guerreiro de Armea
Ademais, outro dos achados máis excepcionais relacionados co castro, sería o chamado Guerreiro de Armea. Trátase dunha figura exenta que segue a tipoloxía dos guerreiros galaicos, cinguindo a icónica caetra, ou escudo circular. A figura apareceu moi preto do castro na solaina dunha casa en Outeiro de Laxe, no ano 1953.
Trátase dunha estatua, do século I d. C., coas características iconográficas dos guerreiros galaicos: figura ergueita cos brazos pegados ao corpo, a man dereita sostén unha espada de folla ancha de tipo parazolium e un escudo redondo ou caetra completamente liso vestindo túnica curta. A escultura conservase fragmentada e só se conserva o torso cortado xusto por baixo do cinto.
O principal tecido urbano da Gallaecia romana xunto con Lugo
E é que ó longo destes dez anos Armea foise desvelando como un dos grandes xacementos galegos. Tal e como comentaba no ano 2018 Adolfo Fernández, os achados na “Cibdá” permiten situala como “un xacemento único” de orixe romana, ocupado ex novo arredor do século I despois de Cristo e abandonado no III.
Trátase “dunha auténtica cidade romana que suporía, despois da cidade de Lugo, o principal tecido urbano de época romana de Galicia”. A riqueza que se observa nos seus restos, sinalaba, apuntarían a unha capital rica e de prestixio. Mais, sexa como for, trátase dun dos grandes xacementos de Galicia, unha vila romana de excepcional importancia e un lugar cheo de información sobre o noso pasado e tamén de lendas, que se atopa ademais moi preto de Augas Santas.