fbpx
Escena da peza teatral A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño / CDGA

“A contenda dos labradores de Caldelas” (1671), a primeira obra teatral en galego, representarase nesta parroquia de Tui

Tempo de lectura: 2 min.

A coprodución do Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta, e da Companhia de Teatro de Braga (CTB) A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño chega este venres 27 ao lugar que lle dá nome, a parroquia tudense de Caldelas. O lugar da Ribeira acollerá ás 22,00 h. esta representación histórica da considerada primeira obra teatral escrita en galego, asinada por Gabriel Feixóo de Araúxo e datada en 1671. Así se anunciou este luns nunha rolda de prensa na que participou o director do CDG, Fran Núñez, xunto ao seu homólogo na CTB, Rui Madeira, a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, e o presidente da Fundación Lois Peña Novo, Xosé González Martínez.

A contenda do río Miño chega a Caldelas tras a súa estrea o pasado xullo no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro, no marco da designación de Portugal como país convidado da 44º edición do Festival Internacional de Teatro Clásico da vila manchega. En Galicia a estrea foi no Festival Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, e houbo tamén funcións na vila portuguesa de Braga.

Na súa intervención, Fran Núñez salientou a importancia desta representación polo seu carácter simbólico, xa que permite “levar á escena o texto fundacional da dramaturxia galega no seu contexto natural, a ribeira do Miño”. O director do CDG destacou tamén a montaxe como “oportunidade de continuar a colaboración con estruturas do país veciño”. “O espectáculo concíbese como unha festa, unha celebración que se encadra arredor do 350º aniversario da peza e que reforza moito o Eixo Atlántico Galicia-Norte de Portugal neste ano no que precisamente Braga é a súa capital cultural”, engadiu.

Dirixida por Fran Núñez co apoio dramatúrxico do responsable da CTB, Rui Madeira, e cun elenco composto por intérpretes de diversos países de fala lusa e de Galicia, A contenda do río Miño inclúe fragmentos en galego, portugués e castelán, ao igual que o texto orixinal. Como sinalou o director do CDG, a montaxe aborda as fronteiras que unen e separan, así como a loita polos recursos e de clases como temas universais e atemporais, que motivaron tanto o conflito recreado na obra do século XVII coma outros moitos ao longo da historia.

Rogério Boane, Sílvia Brito, Carlos Feio, Eduarda Filipa, Antonio Jorge, Grasiela Müller, Aisa Pérez, Solange Sá e Fran Núñez, coa colaboración especial de Paulo Bragança, danlles vida ás personaxes deste espectáculo de gran forza visual. A música e o baile teñen tamén especial protagonismo, coas coreografías de Belén Vázquez e Pilar Peña, do Centro Coreográfico Galego. Os equipos técnicos do Centro Dramático Galego e da Companhia de Teatro de Braga completan a ficha artística nesta unión de esforzos que busca reforzar a identidade común.

Pode que che interese...