fbpx
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, no centro de interpretación romano inaugurado en Bueu / Xunta

A Xunta investirá 225.000 euros nun museo romano en Bueu

Tempo de lectura: 2 min.

Galicia contará cun novo museo da historia de Roma. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, en Bueu ao destacar que a Xunta impulsará a posta en marcha dunha nova Sala de Interpretación que poña en valor o pasado romano da vila cun investimento de 225.000 euros. Como explicou, trátase dunha infraestrutura que suporá un “paso importante para difundir o patrimonio cultural e completar a oferta museística da localidade”, onde se sitúa xa o Museo Massó -un dos máis importantes da Península no ámbito da cultura mariñeira- e fará posible divulgar os restos atopados nos dous xacementos arqueolóxicos descubertos durante as escavacións do lugar da Pescadoira.

“A Xunta sufragará máis do 80% da obra que suporá facer visitables uns fondos de especial valor para a vila e tamén para o resto de Galicia”, expresou. Neste sentido, informou que esta colaboración, que se materializará a través dun convenio co Concello, suporá a musealización de pezas que corresponden a un obradoiro de cerámica como un forno de planta circular e restos dunha fábrica de salgadura do século II D.C, entre outras edificacións anexas atopadas na escavación arqueolóxica realizada na rúa Montero Ríos (lugar da Pescadoira) para a urbanización do lugar. Ademais, o Concello de Bueu acondicionará un local de propiedade municipal.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, no Museo Masó / Xunta

Máis de 80.000 euros

A Xunta completa a musealización da historia da pesca en Bueu con este proxecto que se suma aos traballos que vén realizando no Museo Massó para o acondicionamento das cubertas, carpintería e fachada por máis de 80.000 euros. Son uns traballos claves que que tamén farán posible ampliar o espazo de exposición permanente no Museo que se adicaría a Urbano Lugrís.

Como expresou o conselleiro, con ambas actuacións, a Xunta” blinda a oferta museística da localidade e facilita un percorrido cronolóxico pola historia da vila”. Neste sentido, empezarase pola nova Sala de Interpretación do Bueu Romano, continuarase polo Museo Massó no que se pode coñecer a historia da industria conserveira da zona, rematando a visita no Estaleiro de Purro, peza clave do patrimonio marítimo representativa das carpinterías da ribeira, para coñecer a construción das embarcacións tradicionais.

Pode que che interese...