fbpx
Unha das vivendas do castro de Teso da Ermida, en Navia de Suarna / Xunta

Atopan as vivendas mellor conservadas dun castro en Galicia nunha excavación en Navia de Suarna

Tempo de lectura: 2 min.

A Xunta de Galicia vén de rematar os traballos da campaña deste ano no xacemento arqueolóxico de Teso da Ermida, na localidade lucense de Navia de Suarna, onde se atoparon sete vivendas que presentan unha conservación única no mundo castrexo así como distintos materiais asociados ao mundo romano que están agora en proceso de restauración e estudo.

O xacemento arqueolóxico de Teso da Ermida, situado nos Ancares-Courel ten a condición de ben catalogado do Patrimonio Cultural de Galicia. “É un asentamento de tipo castrexo que destaca por estar relacionado coa explotación do ouro así como por amosar o período de transición das culturas prerromanas ao mundo romano”, apuntan desde a Consellería de Cultura.

Despois de realizar traballos de roza e limpeza baixo control arqueolóxico -que permitiu localizar restos e indicios de estruturas relacionadas co hábitat do xacemento– a Xunta emprendeu a actual campaña na que se descubriron restos de dúas vivendas completas e cinco de forma parcial. As estruturas atopadas no interior do xacemento presentan unha conservación única no mundo castrexo.

Intervención arqueolóxica no castro de Teso da Ermida, en Navia de Suarna, co achado de sete vivendas e pezas da época romana / Xunta

Gran estado de conservación

Nun sector da escavación atopáronse restos dunha vivenda que aínda ten en pé paramentos de case 4 metros de altura. Nos muros aparece un rebaixe no perímetro da parte alta para o andar superior o que permite confirmar hipóteses xa valoradas para o castro de Santa María sito no veciño concello de Cervantes. A vivenda descuberta conserva un fogar central protexido por un pequeno muro que fai de para ventos fronte á porta que neste caso non conserva apenas alzado. Outro elemento importante documentado no interior da vivenda é un banco corrido sito fronte ao fogar.

Durante os traballos de escavación recolléronse de xeito específico numerosas mostras do seu interior para poder avaliar posteriormente cos resultados dos laboratorios tanto datacións máis concretas como o tipo de paisaxe do entorno do castro a partir da análise dos restos paleobotánicos. Destaca a excepcional conservación dos restos atopados, e tamén o achado de materiais asociados ao mundo romano como pezas de cerámica Terra Sigillata así como unha moeda de bronce aínda en proceso de restauración e estudo.

Pode que che interese...