fbpx
Ídolo atopado en Treviscoso nun lugar cunha alta concentración de monumentos megalíticos / Mónica Irago -La Voz de Galicia- Edición Arousa

Atopan entre Cambados e Vilanova un ídolo de hai 5.000 anos nun espazo rodeado de mámoas

Tempo de lectura: < 1 min.

Moi pouca xente sabe que no lugar de Treviscoso, que pon o límite entre os municipios de Cambados e Vilanova, existen numerosos restos megalíticos. De feito, nese lugar, onde hai numerosas mámoas, foi descuberto hai uns días un ídolo, precisamente, nunha das sete que aínda están sen catalogar. A peza foi atopada nunha leira privada a propósito duns traballos que se desenvolvían na mesma.

A pedra tallada atopouna Tomás Álvarez a quen non lle pasou desapercibida a súa importancia. Tal e como recolle LVG, o historiador Sindo Mosteiro acabou de corroborar a teoría de que se trata dun ídolo (nome que se lle dá ás divindades do Megalítico) con máis de cinco mil anos de antigüidade. Este tipo de elementos colocábanse no exterior das mámoas para representar aos mortos que foran enterrados anteriormente neste espazo. Polo tanto, soen recrear figuras humanas que, no caso do achado de Treviscoso, é visible a través da talla dunha cabeza e uns brazos.

Trátase, segundo Mosteiro, dun dos ídolos con maior calidade estética de cantos se localizaron en Galicia e en Cambados aspiran a poder dispor del para expolo no Museo do Viño como un elemento destacado da historia e do patrimonio local.

Aproveitando a reunión prevista o día 7 de setembro coa dirección xeral de Patrimonio Cultural, o goberno local solicitará que se catalogue a mámoa na que se localizou a peza e que se autorice ao Concello para exercer a súa custodia e expola ao público. Vía La Voz de Galicia.

Pode que che interese...