fbpx
Illa Santa Catalina

Coñece a descoñecida illa galega que garda a fermosa ermida de Santa Catalina

Tempo de lectura: 4 min.

Hai ruínas que se negan a desaparecer, aínda que na documentación oficial pasen por perdidas na pequena selva dunha illa. Na punta dun dos castros costeiros máis grandes da ría de Muros e Noia, a illa de Santa Catalina tiña terras de labor ata fai algunhas décadas e aínda o catastro amosa o lugar dividido en parcelas, o que nos fai preguntar a quen pertence agora  a capela esborrallada. Sería a illa a prolongación do recinto arqueolóxico que ten a poucos pasos e a que se accede en marea baixa?. No ficha do catálogo de Bens Arqueóloxicos do concello de Muros, ano 2010, descríbese o  lugar desta forma : “ na illa moi cuberta de vexetación non foi localizada ningunha estrutura de castro, diversas fontes indican a existencia neste punto dos restos dunha antiga capela consagrada a Santa Catalina, máis a vexetación existente impediu localizar os seus restos”.

Posible entrada da capela orientada a poñente.
Lenzos esborrallados da capela

Non correu mellor sorte o castro de Santa Catalina ou tamén chamado as Testas do Castro ou O Cotriño, a mesma ficha indica sobre este Ben: na actualidade atópase moi alterado pola construción dun camiño de acceso e unha vivenda unifamiliar no interior da croa, así como por diversos muros de delimitación de fincas, existe tamén un muíño de vento en estado de semirruína”. O muíño de vento ao que se refire é un elemento de excepcional singularidade en toda a ría  dada as súas características, leva o nome do “Muíño do Casuco” e estaría aloxado no terreo que ocuparía o castro e moi preto do borde marítimo.

Muíño de vento do Casuco no recinto do castro. Vista dende a illa de S. Catalina, preto do lugar da ermida.

No libro Derrotero de las costas de España en el océano Atlántico y de las islas Azores o Tercera elaborado por Tofiño de San Miguel  no 1789, describía xa o abandono da capela : “La punta de Outeiro gordo, desde la cual principia la ensenada de Bornalle con playa y riachuelo en su fondo, y termina en una pequeña isla toda rodeada de islotillos y piedras ocultas, con una ermida en su cumbre ya abandonada y que fué dedicada a Santa Catalina” . A capela esta tamén presente nos debuxos dos mapas da costa galega do cartógrafo portugués, ao servizo de Felipe IV, Pedro Teixeira no ano 1634. En dita obra aparecen tamén a capela da Madalena coroando o  cume norte de Monte Louro, o Pico da Madalena,  e o desaparecido templo da Nosa señora da Creba, a illa veciña na que se construíu unha residencia privada, pero onde seica houbo mouros e serpes xigante que afundían barcos, e onde calafateaban os seus barcos os sarracenos invasores alá polo tempo de Xelmírez.

Capelas de S. Catalina, a Madalena de Monte Louro e a de Nosa Señora da Creba nos mapas de Teixeira.

Non atopei memoria do culto nesta capela, pero sen dúbida Santa Catalina era unha mártir cristián moi venerada dende o século IV en distintos puntos da nosa xeografía . Alimentada por unha pomba branca mentres estaba en prisión por non renegar da súa fe e salvada despois por anxos que romperon as rodas dentadas na que a querían esnaquizar,  foi máis tarde decapitada.  Dende  entón a súa figura represéntase acompaña cunha pomba e as ferramentas ideadas polo seu torturador, o césar Maximiano. Hai informacións de que  a imaxe da santa que presidía esta capela está acollida na veciña igrexa parroquial de Santiago Tal.  Algún día habería que visitala e levarlle as novas de que a súa capela fronte ao mar aínda non está perdida para sempre.

Santa Catalina nun capitel da igrexa de Santiago de Ribadavia. Imaxe de Carlos Sastre Vázquez
Imaxe do voo americamo do 1956 do castro de Santa Catalina. onde se aprecian as murallas do castro o muíño, e a capela no cume da illa.

Agradecer a familia de Cascolo que nos amosou imaxes da ruína da capela e nos animou a achegarnos ata a illa.

Bibliografía

Derrotero de las costas de España en el Océano Atlántico, y de las Islas Azores ó Terceras, para inteligencia y uso de las cartas esféricas presentadas al Rey… por… Antonio Valdés… / construidas de orden de S.M. por el brigadier de la Real Armada Don Vicente Tofiño de San Miguel.                    Tofiño de San Miguel, Vicente. Madrid 1789.

Os mapas da costa galega de Pedro Teixeira. 1634 . http://culturagalega.gal/imaxes/docs/teixeira.pdf

Catálogo de Bens Culturais do Pxom de Muros do ano 2010, ficha GA15053002

Un capitel de Santiago de Ribadavia dedicado a Santa Catalina de Alejandría. Sastre Vázquez, Carlos.   Revista Abrente 40-41 (2008-2009)

Enlaces web

http://patrimoniogalego.net/index.php/3167/2011/07/castro-de-santa-catalina/
http://patrimoniogalego.net/index.php/110959/2021/08/ermida-da-illa-de-santa-catalina/

https://www.asociacionbuxa.com/patrimonio/detalle/052

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Divulgador

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: