fbpx
Brandomil, en Zas, unha antiga cidade romana / foto Fundación Brandomil

Desenterrando a cidade romana perdida de Brandomil

Tempo de lectura: 2 min.

Brandomil foi un asentamento romano de considerable importancia. Algúns identifícana coa urbe romana de Grandomiro. Pero, polo momento, non está claro o que se atopa baixo esta parroquia do concello de Zas. Houbo unhas escavacións no 2007 e 2008 realizadas por Juan Naveiro. Nas escavacións atopáronse moedas, cerámicas africanas de diferentes épocas, xoias, vidros, aras, placas, frontón de mausoleo, o que pode indicar a importancia desta cidade, onde se puideron establecer membros da Administración imperial.

Escavacións en Brandomil onde se pode ver o que parece un tramo dunha antiga via romana / Fundación Brandomil

Os primeiros cálculos estiman que aurbe  romana podía abarcar ao redor de 25 hectáreas. Cruzada, de seguro, pola vía XX per loca maritima, que ía de Braga a Astorga pola parte costeira da Gallaecia e subía cara Brigantium. No lugar o camiño facía unha Y facendo dous ramais para as minas de Vilarcobo e Pozo Limideiro. Esas calzadas romanas, chamadas “Camiño Real” na Idade Media, foron soterradas baixo unhas estradas de asfalto durante a concentración parcelaria. A mansio Grandimiro ou Glandomiro foi localizada en Brandomil por varios historiadores como esa estación na vía XX.

Desde o 2008 non se volveu a investigar. Daquela, os achádegos demostraron que era máis importante incluso do que se pensaba, e de aí que a Fundación Brandomil, que leva anos tentando desenterrar a historia que oculta a actual vila,  insista na investigación co obxectivo de coñecer que hai debaixo do novo Brandomil e desenterrar as vellas vías de comunicación.

Escavacions dunha antiga vía ( a XX per loca maritima ???) en Brandomil / Fundación Brandomil

Novas investigacións

Así, este pasado luns 9 deron comezo as intervencións arqueolóxicas nos terreos da Fundación Brandomil. Un equipo de 5 arqueólog@s e vari@s voluntari@s levan esta semana, e estarán ata a vindeira, facendo unhas catas para ver que se pode atopar. “Empezaron un pouco escépticos pero xa están descubrindo cousas moi interesantes para ir sacando á luz todo ese pasado histórico tan importante”, sinala a QPC José Pérez, membro da Fundación, que lembra a idea principal do proxecto: “O que se trata é de redescubrir o pasado para apuntalar o futuro”.

As obras están lideradas polo arqueólogo xalleiro Lino Gorgoso, de Adro. Xa localizaron unha vía empedrada cun pavimento tipo glarea así como abondosos derrubos de tegula romana e cerámica finais do século I ao II d.C. Os traballos están parcialmente financiados pola Deputación da Coruña e polo GDR. Vía QPC.

Pode que che interese...