fbpx
Situación do castro de San vicenzo, na Baña / Patrimonio Galego

Empresarios queren restaurar un castro na Baña para impulsar a economía local

Tempo de lectura: 2 min.

A nova asociación de empresarios A Baña Emprende, con Rafael Vieito á fronte puxeron a mira no castro de San Vicenzo, un dos máis grandes da zona e que queren limpar e pór en valor tras lograr os permisos. O seu obxectivo é que o patrimonio tamén sirva como elemento de dinamización da economía local.

Este forte da Idade do Ferro está situado xusto enfronte da igrexa parroquial de San Vicenzo, e aproveita unha suave ladeira que pertence ás últimas estribacións do Monte Agudo, dunha altura de 399 metros, na súa caída até o fondo do val regado polo río da Baña, antes de acabar confluíndo co río Suevos para formar o Albariña.

Segundo recolle Elixio Vietes en Patrimonio Galego, Conta cun recinto circular duns oitenta metros de diámetro, rodeado por un firme parapeto, excepto na franxa noroeste, onde a construción dun cemiterio afectou á muralla, penetrándose até o interior da coroa do recinto. Segundo o historiador Xerardo Agrafoxo, este parapeto é o maior de todas as citanias situadas neste municipio. Alcanza un grosor na parte alta de 4 metros, e a súa maior altura interior está na zona que mira a poñente, con 10 metros. No sur alcanza os 5 metros, e no norte, ao redor de 8. Cinguido a esta defensa apréciase, no lateral oeste, un pequeno foso que se estende en dirección sur, pero que foi destruído pola estrada que vai a San Xoán de Barcala.

Rafael Vieito, xunto a un grupo de voluntarios e asesorados por un equipo de arqueólogos, con Verónica Silva e Martín Rivas á fronte, teñen previsto primeiro limpar a superficie e logo buscar axudas para lanzalo como recurso turístico. Para iso pediron autorizacións tanto ao propietario dos terreos da zona como a Patrimonio. Esperan porse ao choio “na primeira semana de setembro”, segundo indicaron a ECG.

Segundo as mesmas fontes, o xacemento ten un evidente interese, e non só polo material que anteriormente se extraeu, e que se exhibe no Museo do Pobo Galego, senón que os arqueólogos din que puido haber alí unha torre de vixilancia“. Tamén avogan por implicar ao Concello neste proxecto, co que queren atraer as visitas, tanto de poboación en xeral como de colexios. Toda a información en El Correo Gallego.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: