fbpx
Condenado pola Inquisición vestido cun sambenito que leva a cruz de San Andrés / Pintura de Goya

Sabes o que é un “sambenito”?… Pois a coleccións de “sambenitos” máis importante de Europa está en Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

A todos e todas algunha vez nos puxeron, nos colgaron, ou nos cargaron cun “sambenito”… pero de onde ven esta expresión tan común na nosa lingua?. O sambenito era unha peza utilizada orixinalmente polos penitentes católicos para mostrar público arrepentimento polos seus pecados, e máis adiante pola Inquisición española para escarmento dos xudeos conversos, polo que se converteu en símbolo da infamia. No Manual de Inquisidores (1378), Nicholas Eymerich descríbeo como unha túnica formada por dúas pezas de tea, unha por diante e outra por detrás en forma de escapulario, sobre a que ían cosidas unhas cruces vermellas. O sambenito usado pola Inquisición española era unha especie de gran escapulario con forma de poncho. Estaba feito cunha tea rectangular cun buraco para pasar a cabeza, que unha vez posta chegáballe ao condenado até pouco máis abaixo da cintura pola fronte e por detrás.

Os sambenitos variaban segundo o delito e a sentenza. Os condenados á morte levaban un sambenito negro con chamas e ás veces demos, dragóns ou serpes, signos do Inferno, ademais dunha coroza vermella. Os reconciliados coa Igrexa católica porque recoñeceran a súa herexía e estaban arrepentidos levaban un sambenito amarelo con dúas cruces vermellas de Santiago e chamas orientadas cara abaixo, o que simbolizaba que se libraron da fogueira. Os sentenciados a recibir lategazos, como os impostores ou os bígamos, levaban atada unha soga ao pescozo, que indicaban os centenares de lategazos que debían recibir.

Os reconciliados estaban obrigados a levar o sambenito sempre durante todo o tempo que durase a condena como sinal da súa infamia e só podían quitalo dentro da súa casa. Cumprida a sentenza, os seus sambenitos eran colgados na igrexa parroquial “ad perpetuam rei memoriam” para que non se esquecese o seu crime, así como os sambenitos dos queimados na fogueira. A Inquisición consideraba que había que perpetuar o recordo da infamia dun herexe, infamia que se proxectaba sobre as súas familias e descendentes o que supuña xeracións de deshonra e vergoña. De feito, moitas veces, o sambenito levaba escrito o nome do condenado, como é o caso dos que se atoparon na catedral de Tui.

Sanbenitos de Tui que se colocaban aos conversos xudeus nos séculos XVI e XVII / agai.com

Sambenitos de Tui

Tui era unha vila na que convivían sen dificultade xudeus e cristiáns antes da conquista de Granada. Pero o decreto de expulsión de 1492 supuxo un gran cambio para a comunidade xudea. Moitas familias optaron polo éxodo mentres que outras tantas optaron por quedar e converterse ao catolicismo, que pasaron a chamarse “cristiáns novos” ou conversos.

E sobre estes conversos foi onde se cebou a Inquisición a mediados do século XVI e XVII con varios procesos inquisitoriais nos que foron condenados a levar sambenitos e se lles impedía ocupar determinados cargos municipais, eclesiásticos e académicos, condicionaba amizades e os negocios. Ter un sambenito na familia impedía matrimonios. De feito, un namorado chegou a descolgar o sambenito da familia da súa amada para así casar. Ter un sambenito impedía ocupar determinados cargos municipais, eclesiásticos e académicos, condicionaba amizades e os negocios, levaba mofas, escarnio?

Cando os anos duros da Inquisición pasaron, as igrexas foron descolgando as teas e desfixéronse delas, pero iso non sucedeu en Tui. Os sambenitos de Tui que estiveron expostos durante dous séculos preto da porta norte da catedral, son os únicos que se conservan en toda Europa.

Trátase de cinco lenzos, con 14 penais. Nas teas aparece na parte superior a cruz de San Andrés (unha gran aspa granate). Na parte de abaixo sinálase o nome da persoa, o ano do proceso, e a acusación de xudeizante. Duas das teas teñen debuxado o rostro da persoa procesada, sendo isto habitual cando o xuízo facíase co procesado fuxido.

As persoas sinaladas nestes sambenitos son 13 mulleres e un home. Todos eles con lazos de parentesco ou de amizade cunha mesma familia: os Coronel que eran importantes banqueiros e mercadores de orixe xudía. Os membros desta familia vivían en Tui e na súa comarca a mediados do século XVI. Un membro desta familia, Francisco Coronel, foi nomeado cóengo de Tui polo Papa Clemente VIII, o que levantou bochas e levou non poucos conflitos e motivou moitas investigacións para acusar os Coronel de herexes xudeizantes.

Sanbenitos do Museo Diocesano de Tui / foto Concello de TuiOnde ver estas pezas

O Museo Diocesano de Tui, abriu  as súas portas o pasado 4 de agosto, en horario de 11 a 14 h  e de 18 a 20 h de luns a venres. Ccustodia valiosas pezas do patrimonio tanto de Tui coma da comarca do Baixo Miño,  pero, sobre todo, destacan os  sambenitos atopados nos anos 80 na Catedral de Tui.  No terceiro andar do edificio expóñense cinco lenzos cos 14 sambenitos dos que 10 son os orixinais e 4 son copias, xa que os orixinais atópanse agora no Museo Catedralicio.

O Museo Diocesano acolle tamén outras pezas vinculadas á cultura xudía coma é o caso da cruz parroquial do Porriño do século XVII do prateiro converso Joâo de Sousa. Forma parte da colección de pratería onde destaca tamén a cruz parroquial de Mos.

Na visita podemos realizar un percorrido pola historia a través de pezas coma o casco celta do século III-II a.c atopado en Caldelas, xunto a outros elementros atopados en escavacións realizadas na zona, que se atopan expostos na planta baixa.

Está situado no antigo edificio do Hospital de Pobres e Peregrinos inaugurado no ano 1756. Conta con tres plantas, capela e patio interior. A colección permanente consta dunha sección de arqueoloxía con pezas de gran valor histórico. A sección de arte sacra conta con obras procedentes de igrexas da Diocese de Tui-Vigo, entre as que destacan a escultura do Cristo románico do século XII ou a arca eucarística do Monumento do Xoves Santo que procede do Porriño, realizada en prata no século XVII.

Finalmente, na sección de pintura e escultura pódense atopar pezas tan interesantes como a imaxe da Virxe co Neno do século XVI, atribuída a Juan de Juni ou a Virxe da Expectación tallada por Alonso Martínez de Montánchez en 1602. Destacan os cadros da Inmaculada inspirado nas inmaculadas de Murillo e os retratos dos bispos dos séculos XIX e XX.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: