fbpx
A mámoa descuberta nas proximidades de Portugal (Figueiroa-Cerdedo) / Capitán Gosende

A mámoa de Portugal, outro túmulo inédito no medio dun antigo paso de camiños

Tempo de lectura: 4 min.

Antes de dar conta do achado, convén clarificar que, amais dos núcleos de Deán, San Martiño, Vilar e Loureiro, a parroquia cerdedesa de Figueiroa conta cunha aldea do mesmo nome, topónimo abundancial de “figueira”, a árbore dos figos (Ficus carica). Á súa vez, o núcleo de Figueiroa (“Figueroa” é forma deturpada) divídese en varios rueiros e, ao leste da PO-2201, consignamos tres: A Cruz, Triana e Portugal.

Membros do colectivo Capitán Gosende desprazámonos até Figueiroa hai unhas sem,anas. Atravesamos os devanditos poboados co fin de acadar o fondal e percorrer as marxes do regueiro do Portaloureiro que, de norte a sur, discorre polo centro da parroquia. Tiñamos por obxectivo escudriñar nas belas mostras de arquitectura tradicional que, vinculadas co paso o peche e a moenda, se esparexen por aquela ribeira. O regueiro do Portaloureiro (un dos seus moitos nomes) desemboca no río Lérez pola marxe dereita. Hai anos, os labregos aproveitaban a potencia hídrica do regato para pór a funcionar non poucos muíños, hogano arruinados. Na lumieira dun dos aparellos, tallouse a seguinte inscrición: “15-7 de 1933”. Aínda que semelle brincadeira, nesta xornada exploratoria fomos de Triana a Portugal sen saír de Cerdedo.

Probabelmente, os topónimos cerdedeses Triana e Portugal están relacionados coa hidrografía e coa orografía. O hidrotopónimo Triana pode significar “na outra marxe do río” ou facer referencia ás tres correntes de auga tributarias que fertilizan o val: o regueiro do Portonovo desemboca no regueiro do Portaloureiro e este, á súa vez, no río Lérez; ou ben, o regueiro do Portaloureiro como resultado da amecedura do regueiro do Coto Laceiras (ou das Lúas) e do regueiro das Lamas (véxase o Topográfico ou mapas.xunta.gal). Daquela, Triana proviría da expresión latinaTrans amnem(“na outra beira do río”) ou dun sincrético e menos probábelTri ana (“tres ríos”).Amnis-is significa río en latín eana é unha das moitas formas que as linguas prerromanas empregaban para denominar os ríos ou a auga fluente.

Polo que respecta a Portugal, doadamente albiscamos unha forma derivada do substantivo “porto”, cuxa segunda acepción é “punto xeográfico situado entre montañas por onde resulta máis doado o paso” e cuxa terceira, “lugar estreito dun río, con pouca auga e pouca corrente, por onde se pode atravesar” (dicionario RAG). Unha corredoira lastrada comunica o Portugal de Figueiroa coa aldea veciña de Loureiro ou co Milladoiro de Parada. Para esa viaxe cómpre vadear o regueiro do Portaloureiro (porto a Loureiro) corrente arriba, nunha sofraxe do relevo ocupada pola intersección dos seus dous tributarios.

O Nomenclátor da Galiza consigna un Triana na parroquia de San Miguel de Reinante, pertencente ao concello lugués de Barreiros; e un Barrio de Triana na parroquia de Goián, do concello pontevedrés de Tomiño. Obvia, pois, o Nomenclátor estoutro Triana, localizado na parroquia cerdedesa de Figueiroa. No tocante a Portugal, o Nomenclátor rexistra o Portugal da parroquia de Oca, no concello coruñés de Coristanco, e dous Portugaletes: un no concello lugués de Carballedo (parroquia de Castro) e outro no concello coruñés de Muros (parroquia de Serres). O lugar de Portugal da parroquia cerdedesa de Figueiroa tampouco figura no dito catalógo toponomástico.

Localización da mámoa de Portugal (Figueiroa-Cerdedo) / Capitán Gosende

O achado

Feito o preámbulo, deamos agora razón da descuberta. Contra a tardiña, mentres retornabamos atravesando a mesta carballeira situada ao norte da aldea de Portugal, reparamos por entre o arboredo nunha leve ondulación do terreo, encaixada entre a corredoira que transitabamos e un valo de cachote que cerraba un leirado. Foi achegarnos a aquela prominencia e ver reforzadas as nosas sospeitas, xa que na parte superior do montículo abríase, como de adoito, un amplo cráter ou foca de espoliación.

A suposta mámoa, sepultura prehistórica posuidora dunha antigüidade de 6.000 anos, localízase no coto daquel montiño, por riba dos 450 m de altitude. O túmulo acada uns 16-18 m de diámetro; o cráter de espoliación, os 3 m de diámetro. A coiraza atópase cuberta dunha grosa capa de restos vexetais en descomposición e colonizada por piñeiros e carballos novos. Non está de máis lembrar que as tumbas megalíticas foron obxecto de ladroízo ao longo da súa dilatada historia, porén a espoliación sistemática do patrimonio tumulario desatouse a comezos do século XVII, cando o crego lugués Pedro Vázquez de Orxas, señor do couto de Recemil (Parga), obtivo unha licenza real para inventariar e escavar as mámoas da Galiza enteira, na procura dos entesourados enxovais funerarios. O rumor correu como a pólvora, provocando unha febre do ouro que atinxiu o seu acme entre os anos 1606 e 1609.

Denominamos o xacemento megalítico “Mámoa de Portugal”, á espera de precisar, se cabe, o microtopónimo. A mámoa de Portugal (coordenadas.- X: 549.960; Y: 4.710.713) dista da aldea que lle deu nome uns 300 m. Así mesmo, a medorra sitúase a uns 160 m, ao oeste, do regueiro do Portaloureiro; a uns 150 m, ao leste, da estrada PO-2201; a 1’5 km, ao sueste, da necrópole megalítica da Chá de Pedrouzos; e a uns 600 m, ao noroeste, da Roda da Ameixoada, castro ou curro neolítico, dado a coñecer polo colectivo Capitán Gosende a finais de 2012.

Co túmulo de Portugal (Figueiroa), o colectivo Capitán Gosende leva inventariadas na comarca de Montes 10 mámoas inéditas. En Cerdedo descubríronse 8: dúas en Pedrouzos, do lado de Castro (Pedrouzos III e IV); dúas no Castriño (VI e VII), entre Mamoalba e Fondós (Quireza); unha en Vilarchán, unha en Cuíña (Quireza), unha na necrópole do Campo dos Cans (Outeiro dos Corvos IX) (Tomonde), e mais a mámoa de Portugal (Figueiroa)), descuberta o pasado 5 de setembro. En Cotobade descubríronse 2: os dous xacementos localizados na parroquia de Caroi (As Zacoteiras IV e Chan do Caveiro).

En Cerdedo, o número de tumbas neolíticas inventariadas ascende agora a 53, aínda non todas catalogadas por Patrimonio.

Pode que che interese...