fbpx

A xoiería Déco galega. A épica dun Estilo

Tempo de lectura: 7 min.

A xoiería Déco é unha das expresións artísticas mais expresivas por estilo, motivos e perfección técnica. Abarcando dúas décadas -as de 1920 e 1930- a sua evolución coñeceu as orixes nun momento no que en Europa emerxeron as Vangardas, experimentouse un auxe económico, viviuse unha transformación social, recibiuse o impacto do Crack do 29 e consolidouse como o grande estilo suntuoso final. As pezas concibidas e elaboradas nos talleres galegos participaron de todas estas fases, converténdose nun expoñente único en toda a historia da xoiería galega.

Brazalete. 1925. Maison Dunand, París. 

O Art Déco, tal como se lle coñece ao estilo predominante dende o final da Gran Guerra (1914-1918) ata a Segunda Guerra Mundial (1939-1945), debe o seu nome ao termo francés para referirse as artes decorativas: Arts Décoratifs. Tal denominación débese a que, chegada a sua consolidación, a Exposición Internacional de Artes  Decorativas en París reuníu as pezas de maior excelencia. Así foi como conseguíu tal nome: por asociación. As súas características fan del un estilo rapidamente identificativo: temas tradicionais -flores, estilos históricos, retratos, paisaxes- estilizados por medio de superficies planas nas que as formas aparecen simplificadas, dándolle maior peso as texturas por medio do tratamento dos materiais.

Brazalete. 1926. Material: augamariña, diamantes e esmalte negro. Casa Jean Fouquet, París.

Debido ao seu florecemento nas artes decorativas, a sua raíz é de índole práctica. Foi así como os primeiros indicios da sua aparición foron en mobles, cartaces ou o interiorismo. Sen chegar ao extremo do Cubismo ou do Futurismo, si foi capaz de asumir elementos propios deles: véxase por exemplo a capacidade para compoñer en liñas esenciais un obxecto cotián como unha mesa ou un secador para o cabelo. Pero a diferenza dos movementos de vangarda, resulta claro, comprensible e sen caer nunha abstracción que faga difícil o seu trato visual.

Tamén se trata dun estilo que recolle, en boa medida, a tradición artística. Do pasado viñeron a incorporarse tres puntos fundamentais: o uso do aspecto figurativo, a aplicación da ornamentación de maneira pragmática e o emprego de procesos técnicos transmitidos de xeración en xeración. Este derradeiro punto tomara pulo a partir das Arts and Crafts a medidos do século XIX. A partir delas a unión da artesanía co deseño moderno fíxose cada vez mais estreita desembocando no deseño moderno. E este foi o exe central do Déco.

Broche. 1928. Base: Ouro. Xemas: Cristal de rocha e ónix. Casa Gérard Sandoz, París.

Con estes precedentes viuse unha completa transformación das artes decorativas. O Déco resultaba axeitado porque resulta pragmático sen deixar de resultar sumamente atractivo. Sobre todo era un estilo que, coas súas bases sólidas, era capaz de ser aplicado en moi variadas áreas. Tamén resultou sensible ao seu propio tempo. Se os futuristas colocaban nos seus cadros e esculturas o novo dinamismo que caracterizaba a sociedade e o impacto das máquinas, o Déco foi quen non so de sumar tal característica senón de elevalo a unha forma artística. Os temas presentes, e usados como estética, frecuentemente fan referencia a produción industrial. Así representacións de avións, referencias a estruturas mecánicas ou a aplicación de solucións técnicas extraídas dos novos vagóns para viaxar convertéronse nunha constante. O mesmo sucede cos novos materiais: o aceiro, pedras preciosas especializadas e novos sistemas de aliaxes comezaron a ser empregados conseguindo resultados impresionantes.

Colar. 1930. Base: Prata. Casa Depres, París.

Nos cadros de Tamara de Lempicka os modelos -seguindo as pautas dos retratos renacentistas- aparecían xunto as grandes cidades. As habitacións convertíanse en lugares onde as lacas das mesas reflectían, limpas e suaves, o aspecto perlado dos xarróns. Dada a sua altísima calidade os mobles e obxectos varios feitos polos deseñadores convertéronse ao instante mesmo en pezas de colección. Pero isto non significou que o Déco limitouse a unha elite. En realidade converteuse nun estilo predominante porque, pola súa personalidade, era posible transformala, adaptala e empregala nunha linguaxe acorde segundo as necesidades de quen fora.

Broche Nº 1. 1931. Operario: Luís. Base: Platino e ouro. Xemas: Brillantes. Casa Xoiería Ramón Fernández, Vigo.

Os anos 20 supoñen o paso do Déco do seu estado orixinario a un período clásico. Era posible encargar pezas extraordinarias por parte de mecenas individuais, pero tamén existía unha sociedade que vivía nun novo periodo en tódolos aspectos. Ao fin e ao cabo, a Primeira Guerra Mundial levou á desaparición -real- da época vitoriana para dar lugar a un novo panorama. Aínda cando poida parecer anecdótico, e mais hoxe en día, na década de 1920 era a primeira vez que unha muller podía ir vestida mostrando as costas en público sen denuncias de inmoralidade. Ou levar o cabelo tan curto como un rapaz sen acusacións de transgresión sexual. Era preciso un estilo que se axeitara a novas demandas, e o Déco respondeu a tódalas demandas.

Anel. 1934. Base: Platino. Maison Suzanne, París.

Qué caracterizaba o Déco desta década? Tras pasar a rixidez dos primeiros anos, o optimismo e a confianza levou a un maior refinamento. As liñas eran contidas pero comunicativas, a paleta cromática movíase entre cores intensas e combinacións atrevidas, influencia do impacto dos Ballets Rusos -e de toda a escenografía que estaba a idearse en Rusia-. Pero se existía unha fórmula que distingue ao Déco na cor é a suma de negro e branco, ben con ouro ou prata. As dimensións tamén é algo importante no Déco. As persoas movíanse entre grandes edificacións embelecidas con figuras alegóricas do Triunfo e motivos iconográficos alusivos a Abundancia, realizadas cun acabado figurativo moi pulido e de definición precisa. O Déco é, nesta época, un estilo épico.

Pulseira Nº 43. 1934. Operario: Luís. Base: Platino. Xemas: Brillantes. Casa Xoiería Ramón Fernández, Vigo.

Pero foi co Crack do 29 cando comezou a sua terceira fase. A crise económica que derivou dende Norteamérica chegou ao continente europeo, e isto afectou ao Déco. Foi entón cando naceu o Déco na sua visión mais romántica. Deuse maior peso ao enxeño no deseño, volveuse mais suave e cálido. Non perdía nin un ápice dese carácter épico que o caracterizara, e ao mesmo tempo transformaba desde as súas bases a sua expresión mais física. A xuventude e feminidade seguían estando moi presentes no Déco, e de feito nos anos 30 volveuse aínda mais visible en medios como o cinema. Axustábase moito ao que eran os filmes desta década, concibidos dende a fórmula da grandiosidade e o glamour.

Broche Nº 48. 1936. Operario: Luís. Base: Platino. Xemas: Brillantes. Casa Xoiería Ramón Fernández, Vigo.

A xoiería foi, no Déco, un dos maiores espellos deste estilo. As tiaras, broches, pulseiras e aneis moldeados en formas xeométricas ben definidas, con elementos propios das culturas de África e da India, resultan un bo exemplo do que eran as pezas dos anos 20. Logo viu a madurez, na cal ademais influíu o factor da consciencia da individualidade feminina. Nos anos 30 apareceron dous tipos diferentes de xoias Déco: unha era a observada a partir dos grandes filmes e a outra era a realizada nos talleres especializados.

A primeira era concibida para dotar de luminosidade e movemento a películas en branco e negro, polo que debían de resultar grandes e brillantes. A segunda era froito dun gusto propio, na cal filtrábanse referencias persoais. As xoias eram elementos que completaban a imaxe que unha muller concibía para si mesma dende si mesma. Tamén pode citarse unha terceira clase de xoias, que é a bixutería. Gabrielle Chanel fora a encargada de popularizar os colares de perlas falsas e de pezas de imitación, porque lle parecía unha indecencia que unha muller fora cargada de xoias so porque pertencera a unha clase social alta. Para ela mais importante o sentido do Estilo que o estatus. E iso era aplicable a vestimenta e a actitude.

A esquerda: O Colar do Lazo. A dereita: Colar do Cometa.

Ambos de 1932. Gabrielle Chanel. Base: Platino. Xemas: Diamantes. Casa Chanel, París.

Foi este o contexto no cal foron realizadas diversas xoias Déco galegas. Cando se ven aneis, broches ou pulseiras feitas dende xoierías como Ángel (Ourense), Malde (Coruña e Santiago) ou Ramón Fernández (Vigo) vense estas dúas décadas de evolución antes explicadas. Por relacións os deseños dos seus respectivos talleres estaba vinculados a París, berce por excelencia do Déco. Motivos florais e citas orientalistas flúen en bocetos onde prima moito a simetría, a fineza, a complexidade e a sinxeleza. Vese o carácter repetitivo que era propio do sistema de producción, pero trasladado a formatos como cadeas. Elementos mecanicistas como tubos axustados aparecen como remates de aneis. O elemento da cor vese plasmada en combinacións de ouro e platino -un material constante na xoiería Déco en lugar da prata, mais pesada-. Isto tamén inclúe a unión na mesma peza de augamariñas, zafiros, brillantes e diamantes. Os deseños resultan imaxinativos, de liñas fluídas e ricos en texturas.

Broche Nº 43. 1935. Operario: Luís. Base: Platino. Xemas: Brillantes. Xoiería Ramón Fernández, Vigo.

Pero estas xoias galegas do Déco, sobre todo as mais próximas a 1933 a 1936, poñen de manifesto algo mais: a dirección que ía a tomar este estilo. A partir de mediados da década os deseños foron orientándose cara un aspecto mais barroco, cun uso masivo das pedras preciosas. (Ata ese intre as pedras so foran empregadas para xoias encargadas para eventos especiais. As de uso no día a día eran lisas). As portas de 1940 o deseño Déco resultaba extremo. Pero os deseños que se conservaron nos arquivos históricos, así como nas coleccións privadas, mostran que as xoias galegas quedaron cristalizadas no estilístico sen chegar a ese punto derradeiro. Posúen a esencia que converteu o Art Déco no derradeiro grande estilo: unha elegancia clásica.

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...