fbpx
Catedral de Tui / foto xunta.gal

A Xunta destina 1,1 millóns para rehabilitar catedrais

Tempo de lectura: 2 min.

A Xunta investirá 1,1 millóns de euros en obras de rehabilitación das catedrais de San Martiño de Ourense e a de Tui tras o convenio subscrito coas dioceses de Ourense e Tui-Vigo.

A actuación, que foi autorizada este xoves no Consello da Xunta, enmárcase no Plan Catedrais posto en marcha pola Xunta e que ten como obxectivo fomentar a restauración das catedrais galegas coa vista posta en 2027.

Así, tendo en conta os plans directores de cada un dos conxuntos, na catedral de San Martiño de Ourense, a intervención centrarase nas reixas e nos púlpitos da Capela Maior, incluíndo varias fases que van desde o acondicionamento da zona de traballo, a desmontaxe de varios elementos como os vidros, a toma de mostras ou a retirada de instalacións eléctricas. Os traballos complétanse con labores de limpeza, coa elaboración de cartografías e a revisión de ancoraxes.

Posteriormente procederase a aplicar un tratamento de consolidación e desinsectación e finalmente montaranse novamente as pezas e reintegraranse todos os materiais. Ademais dos traballos anteriores, prevese tamén que da análise pormenorizada do estado de conservación e funcional da estrutura interna das ferraxes das unións e dos accionamentos con que conta a reixa –que so é posible realizar unha vez iniciadas as obras e realizadas as desmontaxes– xurdan traballos complementarios para a rehabilitación estrutural e funcional destes elementos.

O importe total da intervención ascende a preto de 430.000 €, dos cales a Consellería de Cultura, Educación e Universidade achegará máis de 170.000. O orzamento restante será achegado pola Diocese a través dos seus fondos propios e da subvención ao abeiro do Programa do 1,5 % cultural do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana.

Catedral de Tui

Na catedral de Tui, pola súa banda, as actuacións que se porán en marcha grazas a este convenio encádranse na segunda fase de actuación sobre este templo para garantir o seu futuro, mellorar a accesibilidade e pór en marcha no conxunto o museo previsto no Plan director. En concreto, os traballos consisten na preparación dos accesos, na posta en valor da zona exterior, na recuperación dunha pequena edificación do recinto en ruínas para o seu uso como punto de información e na dotación dunha nova envolvente ao local de instalacións para dignificalo e incorporalo de novos aseos.

Para completar o proxecto actuarase nos arcos da sala capital, eliminaranse as humidades das terrazas do claustro e mellorarase a súa accesibilidade coa prolongación do ascensor existente. Por último, está previsto desenvolver un novo proxecto museográfico adecuado aos espazos destinados ao novo museo, así como ao discurso coherente das pezas de que se dispón.

Os traballos contan cun orzamento de 675.460,99 €, dos cales a Consellería de Cultura, Educación e Universidade achega 176.909,86 €, mentres que a cantidade restante é achegada pola propia Diocese a través dos seus fondos propios e da subvención ao abeiro do Programa do 1,5 % cultural do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana.

Pode que che interese...