fbpx

O Cornón de Beba, a fortificación cun cruceiro erguido na croa que domina as terras de Xallas

Tempo de lectura: 5 min.

Hai castros que nunca estarán na lista dos máis visitados. O estado de abandono dos terreos que ocupan  permítennos como moito achegarnos a eles e poder intuír, se temos ollos avisados, a forma e o perfil das súas estruturas cubertas por toxeiras bravías, case imposibles de penetrar. Chegamos ao Rodo do castro de Coiro coa información extraída de visores aéreos e mapas da zona ao noso alcance, pero da que xa se intuía a monumentalidade e diferencia cos outros recintos da contorna.

 

Vista da zona alta do castro dende o NO

Vista dende o NO da croa do Rodo do Castro co seu cruceiro.

 

Este recinto da parroquia de Coiro no concello de Mazaricos noméase polos nomes de “A Costa” “Rodo do Castro” ou “Cornón de Beba”. Josefa Rey Castiñeiras no traballo Estudio y Catalogación de Castros de la provincia de la Coruña expón esta descrición: “Está emplazado en una montaña alta, rodeada por un conjunto de montañas, alguna de ellas de mayor altura. El río Beba discurre por su ladera Este y un afluente del mismo rodea sus fachadas Sur y Oeste. Tiene tres recintos, más o menos concéntricos, rodeados de murallas, con estructura de piedra. La Croa, tiene una cresta rocosa que la atraviesa en dirección N-S. Su entrada, al E. está excavada en la roca natural. Los otros dos recintos tienen sus puertas alineadas, en la ladera S. W. La más exterior está reforzada por un torreón en uno de sus lados y por un doble muro en el otro. Situación actual: Debido a un reciente incendio, hemos podido observar las estructuras defensivas y de las viviendas, a flor de tierra, todavía en buen estado de conservación”, Este traballo é do 1984 e foi publicado na revista Gallaecia num. 7 e 8.

Muralla de pedra que rodea a croa do recinto

O primeiro que chama á atención deste recinto e a súa superficie amurallada de croa que acada as 2 ha. cando os castros da súa contorna, como o destacado Monte Aro  (San Xoán de Mazaricos) só chega aproximadamente a 1,4 ha, o de Recarea na mesma parroquia de Coiro, a 5,3 km. en liña recta acada 0,9 ha., ao igual que os castros de Valadares e Gosende, tamén a pouca distancia cara ao leste no concello de Outes. A croa acada os 230m. de lonxitude, norte sur, e 107 leste oeste. Outro aspecto a considerar e a visión cara o noroeste, que como advirte Castiñeiras, son montes de máis altura que a súa croa. O cume máis alto de todos eles está nos Montes da Ruña, co Castelo de Brandufe ocupando o seu punto alto e que acada os 645 metros, superando  ao mítico monte Pindo (627 m.) ao que parece ter no punto de mira en dirección ao Atlántico.
O lenzo de muralla pétrea que puidemos observar está en bo estado e probablemente rodee así toda a croa. Acada no punto que observamos unha altura aproximada de 1,8 metros e parece que cara ao interior está graduada, pois intúese unha nova fiada de pedras na parte baixa chea de vexetación, pero que tamén poderían tratarse de derrubes do muro principal.

Situación do Cornón de Beba ou Rodo do Castro e medidas do recinto contando coas defensas.

O recinto a 388 metros de altitude domina a chaira  que conforma a conca fluvial do río Beba, que alimentado polas augas de numerosos regueiros discorre en dirección norte ata confluír no río Xallas no lugar de Colúns, fronte o castro do Castelo de Olveiroa. Cara ao poñente esta ampla meseta elevada esténdese ata Pino de Val a uns 5 km e polo sur , a 9 km. remataría no lugar Mirás, (Outes) co seu castro  dominando o val do rio Bendimón, que cae  cara a ría de Noia Muros, e as vías de comunicación que unen esta ría coas terras altas de Valadares e Mazaricos.

Castro de Beba Voo americano do 56. Visor Xunta de Galicia

A fisionomía construtiva deste castro defire dos grandes castro da zona, consistente a destes últimos en croas máis ou menos redondeadas cinguidas de aneis defensivos e con superficies aterrazadas de anchuras variables entre eles, como se pode apreciar no castro de Lugarnovo (un dos máis extensos da zona), Aro e Recarea no concello de Mazaricos e Gosende e Valadares en Outes. Neste recinto levántanse pola zona máis accesible do norte tres defensas antes de chegar a muralla principal da croa, a día de hoxe moi esmorecidos pero aínda apreciables no terreo agrícola, e que poderían comporse de terra e pedras, . Non chegamos a ver a entrada á croa escavada na rocha pola zona leste e menos o torreón e o dobre muro da entrada SO   do que dá indicacións Castiñeiras. As vivendas  e estruturas pódense apreciar nas ortofotos do voo americano do 56.  No ano en que foi descrito pola arqueóloga esta escribe que puideron verse na superficie “grazas a un incendio recente”

Comparación das plantas do Castro de Lugarnovo, esquerda, e Croa do Castro ou Cornón de Beba á dereita .

 

Encravado dentro da croa, na parte máis alta, sorprendeunos a existencia dun cruceiro, cousa pouco habitual dentro dun castro. Levántase sobre un saínte rochoso ao que se sube por uns chanzos rudamente traballados na pedra, e cerca do pé do varal hai unha pequena pía, que de ser natural está nun sitio preferente do elemento. En todo o afloramento non existe outra, o que aumente a dúbida da súa natureza.

Cruceiro na cresta rochosa da croa.

 

Chanzos para subir ao cruceiro

Chanzos escavados na pedra a carón do cruceiro.

Pía ao pé do cruceiro.

 

 

 

 

 

 

 

Atendendo a grande cantidade de toponimia xermánica que se espalla por esta zona como Mundín, Godón, Gosende, Gosolfre, Recarea, Brandufe, e sobre todo o de Suevos a só 3 km do recinto, e tendo en conta que só hai catro topónimos en Galicia con ese etnómino e dous deles na Baña e Ames, concellos estes a pouca distancia deste de Mazaricos, sería interesante estudar como evolucionaron estes asentamentos coa chegada dos novos habitantes a estas terras e cales serían as súas interaccións, sen querer facer en ningún momento unha referencia concreta a esta fortificación, pero sabendo  “da reocupación puntual a comezos do século V,  ou excepcionalmente, ao menos cos datos arqueolóxicos agora dispoñibles, creados ex novo durante os séculos V   ou VI. 

 

Bibliografía

Rey Castiñeira, Josefa. Estudio y Catalogación de Castros de la provincia de la Coruña.  Revista Gallaecia num. 7 e 8.

Mariño, Xoán. Patrimonio histórico artístico de Outes.  Vol I. Santiago 1998.  (Pax 62. Castro de Mirás)

López Quiroga, Jorge (2017): Conviviendo con los suevos en la Gallaecia
tardoantigua.

Visores de Información Xeográfica de Galicia. Instituto de Estudos do Territorio. Xunta de Galicia

Cornón de Beba en patrimoniogalego.net

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...