fbpx
Mámoa 2 do Castelo-Monfero, alterada por unha platación de eucaliptos / Xabier Moure

Outra vez un eucaliptal arrasa con dúas mámoas dunha necrópole megalítica de 6.000 anos

Tempo de lectura: 2 min.

Nova agresión ao patrimonio galego. Desta vez, trátase de dúas mámoas do concello de Monfero que forman parte dunha necrópole megalítica composta por sete enterramentos cunha antigüidade duns 6.000 anos. As dúas mámoas están catalogadas pola Dirección Xeral do Patrimonio o que significa que gozan de protección.

Sobre a primeira mámoa, a de maiores dimensións do conxunto, cunhas medidas duns 30 metros de diámetro e 2 de altura, denominada como Medoña do Penedo Gordo, plantaron, ao menos, unha ducia de eucaliptos, danándoa en toda a masa tumular.

Mámoa Penedo Gordo, en Monfero, afectada por un eucaliptal / Xabier Moure

A segunda, denominada Medoña 2 do Castelo, cunhas medidas duns 18 metros de diámetro, e sobre a que non seu momento plantaron piñeiros, foi alterada na parte sur por outra plantación, tamén moi recente, de eucaliptos.

Ademais de alertar ao Servizo de Patrimonio sobre as agresións, tamén se lle preguntou a Patrimonio si para as plantacións se solicitou o permiso correspondente. Segundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, publicada no ano 2016, hai que solicitar permiso para calquera actuación que se queira realizar nunha área de 200 metros dun ben patrimonial catalogado, iso si, que nunca debe afectar directamente a dito ben. No escrito tamén lle solicito que apliquen o procedemento sancionador que marca a Lei, ademais de que obriguen aso propietarios a retirar, co correspondente control arqueolóxico, as árbores.

Por outra parte, a 20 metros da mámoa do Penedo Gordo foi localizado un novo enterramento sen catalogar. Ten unhas medidas duns 14 metros de diámetro e 0,60 de altura. Este ten a particularidade de que aínda conserva parte da cámara funeraria de pedra (dolmen), achado que tamén foi comunicado ao Servizo de Patrimonio para que procedan á súa catalogación.

Nova mámoa con restos de dolmen atopada en Monfero / Xabier Moure

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...