fbpx
Mámoa totalmente arrasada por maquinaria pesada no Corgo / patrimonio dos Ancares

Como facer que unha mámoa de 18 metros catalogada desapareza do mapa en Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

O Coletivo Patrimonio dos Ancares vén de denunciar ante o Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a recente destrución dunha mámoa e a agresión a outra situadas na parroquia de Gomeán, no concello do Corgo. Estes enterramentos foron documentados polo Colectivo Patrimonio dos Ancares o día 15 de outubro de 2019, que foron comunicados ao día seguinte a Patrimonio para que procederan á súa catalogación.

O día 18 de decembro de 2019, dende Patrimonio comunicaron que, despois da visita efectuada polos seus arqueólogos, que comprobaron que se trataba duns enterramentos prehistóricos, quedaban catalogados cos nomes de Túmulos 1 e 2 de Valverde-Coto de Matafaxín, cos códigos GA27014062 e GA27014063, incluíndose no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e, polo tanto, pasando a gozar de protección legal, o que significa que non se pode actuar sobre eles, e nunha área de 200 metros ao seu redor, para calquera actividade que se pretenda realizar, hai que solicitar a correspondente autorización, tal como marca a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.

Maquinaria pesada destruiu unha mámoa no Corgo / Patrimonio dos Ancares

Unha das mámoas, duns 18 metros de diámetro, foi practicamente arrasada por maquinaria pesada, producíndolle enormes sucos que ocasionaron que perdera case toda a masa tumular. A outra, duns 17 metros de diámetro, tamén sufriu o paso da máquina, producíndolle profundos fendas coas rodas.

Dende Patrimonio dos Ancares solicitan a Patrimonio da Xunta de Galicia que, en cumprimento da Lei, abra inmediatamente o preceptivo expediente sancionador por falta moi grave no primeiro caso, e grave no segundo, o que pode conlevar elevadas multas para os infractores. Tamén piden que informen se para a área de cautela se solicitou o obrigado permiso para efectuar traballos de remoción de terras. A actuación debe ser urxente, xa que a roturación do terreo realizouse, sen dúbida, para algún tipo de plantación o que pode agravar, máis se cabe, o lugar onde se atopan o que ocasionaría, para empeorar o xa irreemprazable, outro tipo de información arqueolóxica.

“A alegría que nos produciu hai uns días a catalogación por parte de Patrimonio das primeiras mámoas do Concello de Ribas de Sil, que os do colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos no mes de xaneiro de 2020, viuse empañada por esta nova desfeita. Outra máis”, denuncia o colectivo.

Pode que che interese...