fbpx
A través do apartado ‘Itinerarios’ pódense visitar conxuntos de bens agrupados segundo algunha relación temática que poderá ir variando co tempo. FOTO: Santi Alvite

Visita gratis o patrimonio inventariado pola USC

Tempo de lectura: 2 min.

Con motivo da celebración dos 500 anos da fundación do Colexio de Santiago o Maior, o actual San Xerome, por Alonso III de Fonseca, a USC desenvolve o programa ‘Patrimonio Aberto’ co que se pretende achegar os bens que atesoura a institución, á cidadanía. No marco desta iniciativa, acaba de botar a andar o Museo Virtual da USC, froito de cinco anos de traballo e que alberga preto de mil bens inventariados aos que xa se pode acceder de balde.

A institución compostelá leva máis de cincocentos anos servindo ao saber dende Galicia. No marco desta misión, o Museo Virtual constitúe un proxecto aberto, vivo e en permanente evolución que irá ampliando progresivamente os seus contidos e que se nutre dos textos elaborados polo profesor da área de Historia do Arte, José Manuel García Iglesias. Así, o apartado da páxina web denominado ‘Coleccións’ recolle unha selección de cen pezas singulares reunidas nos bloques ‘Contemporánea’, ‘Espazos’, ‘Retratos’ e ‘Vítores’.

A través do apartado ‘Itinerarios’ pódense visitar conxuntos de bens agrupados segundo algunha relación temática que poderá ir variando co tempo. No apartado ‘Localización’ contéñense as pezas segundo a súa situación por edificios da Universidade. O apartado ‘Explora’ é unha ferramenta de busca que permite acceder á totalidade dos bens, realizando procuras por título, autoría, data ou localización. Por último, tamén existe a posibilidade de crear o teu propio museo premendo na icona con forma de corazón dunha obra que a persoa usuaria quere gardar e ir así conformando a súa propia colección persoal.

A Minerva Compostelá

Coincidindo coa apertura deste Museo en liña, inaugúrase o xoves 7, no Colexio de Fonseca, a exposición ‘A Minerva Compostelá. As súas glorias’, parte tamén do programa ‘Patrimonio Aberto’ e que mostra parte da súa historia da institución recreando espazos do pasado que seguen, en certo modo, presentes. O Museo Virtual terá unha presencia singularizada na sancristía da capela a través de códigos QR alusivos ao que alí pode verse. Xérase desta forma, un vínculo entre as potencialidades do virtual e o coñecemento directo das obras ás que se fai mención. A mostra estará aberta ao público dende o 8 de outubro ata o 22 de xaneiro. Este Museo Virtual, financiado pola Deputación da Coruña e deseñado por Uqui Permuy, conta con fotografías de Fuco Reyes e Santi Alvite.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: