fbpx
Foto de familia do equipo do GEAAT que está participando na campaña de campo no xacemento de Tahaddart. A imaxe foi tomada na cidade de Rabat / Duvi

A arqueoloxía galega busca en Marrocos os contactos do mundo atlántico no Imperio Romano

Tempo de lectura: 4 min.

No norte de Marrocos, a uns 20 quilómetros ao sur da cidade de Tánxer, nunha lingua de area entre o océano Atlántico e unha gran lagoa interior, localízase o xacemento de Tahaddart, un complexo de época romana en moi bo estado de conservación no que destacan ata seis grandes fábricas de salgadura de peixe. Este enclave é o escenario do primeiro proxecto arqueolóxico internacional da Universidade de Vigo, que levará ata o 2025 ao seu Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) a afondar no coñecemento deste xacemento e do comercio en época romana na fachada atlántica marroquí, a antiga provincia da Mauritania Tingitana. A primeira intervención no xacemento xa se está a levar a cabo a cargo dun equipo hispano-marroquí formado por 30 persoas.

A iniciativa desenvólvese en colaboración co Intitut National des Sciences de l’Archeologie et du Parimoine (INSAP) e co apoio dos ministerios de Cultura de España e do Reino de Marrocos (do que depende o INSAP) e da Xunta de Galicia. O profesor de arqueoloxía e investigador do GEAAT Adolfo Fernández, director do proxecto, destaca, segundo recolle o xornal da Universidade de Vigo, a relevancia desta iniciativa sinalando que “esta intervención en Tahaddart é a primeira escavación internacional que realiza a Uvigo”. O  proxecto, apunta, “supón internacionalizar a actividade arqueolóxica da nosa Universidade, que era algo que tiñamos pendente” e “damos un salto cualitativo, de calidade, moi importante para todos”.

O proxecto realízase ao abeiro dun convenio de colaboración en materia de patrimonio cultural asinado o pasado ano entre a Universidade de Vigo e o INSAP. Trátase, explica Adolfo Fernández, dun convenio “moi importante, pois só hai outro similar asinado con universidades españolas” e “un acordo imprescindible para desenvolver este proxecto”, dado que marca e recolle o protocolo para autorizar e desenvolver este tipo de actuacións no país africano. Ademais desta colaboración, a campaña arqueolóxica en Tahaddart deste ano está financiada polo Ministerio de Cultura de España a través da súa convocatoria para escavacións no exterior e o proxecto de estudo do comercio en época romana na costa marroquí está financiado para o período 2021-2025 pola Xunta de Galicia a través da convocatoria para proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. “Este proxecto aúna o esforzo, o compromiso e as achegas de moitas persoas e institucións sen as cales non sería posible levalo a cabo e ás que queremos transmitir todo o noso agradecemento”, comenta Adolfo Fernández.


A campaña de campo en Marrocos iniciouse o pasado 29 de outubro / Duvi

Primeira misión arqueóloxica en marcha

Segundo explica o seu responsable, o proxecto está previsto que se prolongue ata 2025, ata o remate do convenio asinado co INSAP. A súa primeira liña de actuación é o estudo e escavacións no xacemento de Tahaddart, que os responsables da iniciativa salientan que é “impresionante e cunha potencia arqueolóxica enorme”. Trátase, sinala Adolfo Fernández, dun enclave “moi interesante, principalmente de época romana, que conta con polo menos seis factorías de salga para a produción industrial de grandes volumes de preparados de peixe en moi bo estado de conservación, algunhas delas conservada practicamente ata o tellado”. Porén, engade, este xacemento marroquí abrangue máis que a época romana, tendo tamén unha parte máis antiga, de ocupación mauritana, pre-romana, con presencia fenicia-púnica, e un xacemento islámico. Así, a ocupación deste enclave prolongaríase desde aproximadamente o primeiro milenio antes de Cristo ata o século XVI, cando foi abandonado. “Analizaremos toda esa ocupación humana, centrándonos especialmente na época romana e nas súas factorías de salga”, comenta o arqueólogo.

A primeira actuación de campo no xacemento marroquí está en marcha desde o pasado día 29 de outubro e prolongarase durante 17 días, sendo codirixida por Adolfo Fernández e pola investigadora do INSAP e profesora da Universidade de Kenitra Meriem Hansali e o vice-director do INSAP, o profesor M. Kbiri-Alaoui. O equipo do GEAAT que está traballando en Tahaddart está formado por nove persoas, persoal investigador e profesorado da Facultade de Historia do campus de Ourense, e un profesor da universidade lusa de Coimbra colaborador habitual deste equipo. A parte marroquí está formada por profesorado e alumnado de diferentes universidades marroquís e 15 obreiros, estando  un total 31 persoas traballando no xacemento. “Este ano, o obxectivo é facer prospección, levantamento, limpeza e empezar coa escavación dalgunha das factorías”, adiantan os responsables do equipo da UVigo.


Imaxe das primeiras escavacións realizadas pola misión hispano-marroquí do GEAT / Duvi

Abrindo a visión a África

A segunda liña de traballo do proxecto, paralela á anterior, é o desenvolvemento dun “estudo sobre o comercio e a economía da costa atlántica da provincia romana da Mauritania Tingitana”. A previsión, indica Adolfo Fernández, é, ademais de levar a cabo as actuacións e o estudo do xacemento de Tahaddart, “analizar materiais arqueolóxicos doutros xacementos principais da costa atlántica de Marrocos para estudar os ritmos económicos e as dinámicas comerciais nesta costa durante a antigüidade e poder comparala con outras partes do mundo romano, especialmente coa costa atlántica da península ibérica, na que levamos traballando os últimos anos”.

No seu conxunto, o proxecto permitirá ao Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e ao seu director continuar a súa liña de investigación no eido do comercio en época romana na fachada atlántica, centrada ata o de agora na zona peninsular. Así, anteriormente teñen desenvolvido o proxecto de I+D Marie Curie Talent, financiado pola UE, Galtfish, salt and fish salting in Ancient Gallaecia. Looking for the origins of the Galician canned fish industry, do Campus do Mar. O seu foco de interese foi o coñecemento da produción do sal e as salgaduras no noroeste peninsular durante a época romana, realizando campañas en xacementos costeiros como os da illa de Ons (con financiamento da Xunta de Galicia), Sobreira (Vigo), Adro Vello (O Grove) e praia do Naso (IIla de Arousa), todas elas factorías de salga romanas que producían prebes e peixe salgado para a exportación. “O proxecto con Marrocos abriranos a visión á fachada africana, que tamén é atlántica”, indica por último Adolfo Fernández.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: