fbpx
Fosa no cemiterio parroquial de Celanova dos fusilados asturianos

Atopa ao seu pai nunha fosa común en Celanova 82 anos despois

Tempo de lectura: 2 min.

Marcelino Fernández García, con 21 anos e unha filla ás súas costas, foi fusilado por un pelotón da Falanxe de Marrocos contra o muro do cemiterio de Celanova. Marcelino foi soterrado con outros seis mozos procedentes de Asturias, como él, nunha fosa común no mesmo camposanto. Grazas ao traballo do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e da Consellería de Presidencia do Goberno de Asturias, Josefa Fernández Gutiérrez, de 82 anos, xa coñece onde está o corpo do seu pai. 

Marcelino Fernández, fusilado aos 21 anos en Celanova

En xuño de 2021, o Comité realizou diferentes publicacións nas redes sociais e en medios de comunicación estatais, asturianos e galegos seguindo o fío da historia de Marcelino Fernández García. Malia a axuda dos activistas asturianos non se conseguiu ningún avance ata que os fillos de Josefa se puxeron en contacto co goberno asturiano.

Josefa tiña só un mes cando Marcelino, mecánico de profesión, foi capturado polos fascistas no porto de Xixón e trasladado a Celanova. Alí viaxaron Josefa e máis a súa nai Oliva en busca do seu pai grazas a unha colecta que fixeron entre as veciñas. Josefa puido coñecer ao seu pai uns meses ata o seu fusilamento o 22 de setembro de 1939.

Esa non foi a última vez que Josefa e Oliva estiveron en Celanova. Nos anos 70, Oliva quería atopar a tumba de Marcelino e chegara a escribir unha carta, que figura no expediente carcerario do seu esposo con data do 11 de maio de 1979, na que reclamaba os seus dereitos como viúva.

Oliva e Josefa a principios dos anos 40 en Xixón

Oliva morreu con 74 anos e sen coñecer onde se situaba a tumba do seu marido e, como declara a propia Josefa, “nunca superou a morte do meu pai” . Coa súa nai viviron sempre de aluguer e os cartos que gañaba limpando casas non alcanzaban case para comer, “unha vida moi dura”, en palabras da filla de Marcelino nunha conversa telefónica co Comité de Celanova.

Coa familia Fernández xa son dúas as familias localizadas. Gracia Gutiérrez, neta de Abelardo Suárez del Busto, foi a primeira familiar directa en ser localizada. A comezos de outubro, Gracia visitou a tumba do seu avó e entrevistouse con varios membros do Comité.

Este é o camiño que vai seguir Josefa que fará a súa terceira viaxe a Celanova, mais esta vez para visitar a tumba e honrar a memoria do seu pai. Ademais, quere facerse a proba ADN e promover a exhumación dos corpos. Contará coa colaboración do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, e do Goberno asturiano. A Consellería de Presidencia de Asturias, que participou na homenaxe celebrada en Celanova hai máis dun mes, xa mostrou a súa vontade de proceder á documentación e á exhumación da fosa dos 7 asturianos.

Pode que che interese...