fbpx
Novas escavacións nas Barreiras / foto Concello de Vimianzo

Como hai que actuar para coidar, escavar e investigar o noso patrimonio?

Tempo de lectura: 2 min.

Este martes, 16 de novembro celébrase o Día do Patrimonio, día instaurado pola UNESCO para chamar a atención sobre o seu coidado, protección e preservación. Co gallo da efeméride, o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta de maneira simultánea en Lugo, Ourense, A Coruña e Pontevedra a Guía práctica do Foro Patrimonio e Sociedade. Trátase dun documento fundamental para a xestión do patrimonio en Galicia e que é resultado de tres anos de traballo por parte dunha trintena de especialistas coordinados pola investigadora Rebeca Blanco-Rotea.

Aínda que a guía non ten carácter vinculante, foi concibida como un documento aberto e que pretende ser unha base para abordar o labor de xestión patrimonial. Pretende servir de referencia sobre os retos que esta debe asumir e sobre as temáticas que preocupan a unha representación ampla de todos os sectores implicados. Ademais, trata de ofrecer algunhas orientacións sobre os posibles métodos de traballo en relación co patrimonio cultural. A guía está en formato dixital e dispoñible para descarga desde o sitio web do CCG.

As accións deseñadas polo Consello da Cultura Galega con respecto ao Día do Patrimonio teñen un eminente carácter práctico e están pensadas para fornecer á cidadanía de ferramentas, recursos e información na xestión do patrimonio cultural. “Levamos anos detectando a necesidade da cidadanía de información, amparo e asesoramento sobre actuacións que afectan ao noso patrimonio” afirmou Rebeca Blanco-Rotea, responsable da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG. No que vai de ano o CCG realizou 28 Informes de Impacto Ambiental, 3 informes en materia de patrimonio e outros 5 para a declaración de Ben de Interese Cultural.

Por outra banda, este martes remata en Santiago de Compostela a xornada “Novas perspectivas para o futuro do patrimonio” coordinada por María Isabel Novo cunha sesión que analiza aspectos novidosos na lei, como a consideración da lingua e a toponimia como patrimonio inmaterial e o impacto da contaminación ambiental e lumínica sobre os bens. A cita ten as prazas cubertas pero pode seguirse en directo a través do web do CCG.

Pode que che interese...