fbpx
Recreación de como podería ser un henge atopado en Reino Unido / The Ancient Ones

O enigma dos “henges” en Galicia: hai máis que nas illas Británicas e poderían ter un uso funerario

Tempo de lectura: 2 min.

No espazo privilexiado do Museo Histórico da Casa da Administración de Sargadelos, Mariña Patrimonio retomou o pasado sábado 30 de outubro a súa actividade divulgativa, de forma presencial, cunha conferencia sobre os espazos círculares aparecidos en Galicia nos últimos anos. Un tipo de xacemento que se corresponde aproximadamente coa Idade do Bronce.

Para esta conferencia Mariña Patrimonio contou coa arqueóloga, investigadora e profesora de arqueoloxía da USC, Pilar Prieto, e co arqueólogo e investigador Luis Cordeiro Maañón. Ambos conferenciantes están a realizar un traballo de recompilación con toda a información obtida das máis de 40 estruturas circulares descubertas ata o momento en Galicia. Arredor deste tipo de xacementos, achegaron datos sobre a súa morfoloxía, dimensións, ubicación e vinculacións espaciais cos distintos elementos do territorio. Así mesmo, fixeron referencia aos patróns que se observan no seu conxunto así como ás coincidencias e diferenzas con xacementos similares das Illas Británicas. A Mariña de Lugo é unha das zonas onde se teñen identificado un maior número deste tipo de xacementos, que constitúen o descubrimento máis novidoso no ámbito da arqueoloxía galega.

Pilar Prieto e Luis Cordeiro nunha conferencia sobre os henges organizada por Mariña Patrimonio / remitida

“Aínda que resulta prematuro aventurar a función que cumprían estes recintos circulares, os restos atopados semellan claros indicios dunha posible función funeraria, unida á de espazo ritual e de celebración”, segundo apuntaron Prieto e Cordeiro. A súa similitude cos espazos círculares británicos, ata agora coñecidos como “henge” (denominación que está sendo cuestionada actualmente polos investigadores británicos), deixa aberta aínda a identificación ou denominación dos mesmos. O que resulta relevante é a densidade destes xacementos no territorio galego, que iguala ou mesmo sobrepasa ao das Illas Británicas.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: