fbpx
Dous brazaletes e un colar (ou gargantilla) de ouro do chamado Tesouro de Agolada ou do Val do Carrío / oestrymnio.blogspot.com

O misterio do Tesouro de Agolada, as pezas de ouro que a piques estiveron de ser fundidas polos franquistas

Tempo de lectura: 6 min.

Segundo a versión “oficial”, o depósito de alfaias prehistóricas (Idade do Bronce) coñecido como “Tesouro de Agolada” foi atopado cara ao ano 1920, durante a construción da estrada Lalín-Agolada (actual N-640). O haber, composto por dous brazaletes e un colar (ou gargantilla) de ouro, exhumárono os operarios da empresa de Obras Públicas encargada da apertura do vial. Ao parecer, o cerdedés Francisco Cachafeiro, xerente da construtora, ordenáralles aos seus empregados arrasar con canta mámoa se interpuxese na mira do teodolito (aquamlatam.blogspot.com). A distancia máis curta entre dous puntos é unha liña recta. Urdindo estas febras, as pezas descubertas formarían parte do enxoval funerario dun túmulo megalítico.

O arqueólogo Antonio García y Bellido (1903-1972), no seu artigo “El tesoro áureo hallado en Golada (Galicia) en 1920”, publicado enArchivo Español de Arqueología (nº 47, 1942, 167), achéganos a seguinte información:

El primer número de “El Museo de Pontevedra” contiene, entre otras cosas, un corto y bello artículo de F. F. Cuevillas sobre dicho tesoro. Fue hallado cerca del castro de Goyás, en 1920, en las obras de la carretera de Lalín a Golada … Se trata de dos pulseras sin ornamento y de una “jarretera” o collar formado por una amplia faja o lámina de oro, con un sencillo ornamento de estrías horizontales. Cuevillas da esta última pieza como de los últimos tiempos del Bronce, y los compara con otros similares hallados en el NO. De la península ibérica (San Bento de Balugaes, Braga y Melide) y en el de Francia (Roch Guyon, Morbihan y Deux Sèvres). Los mismos paralelos (Telhões, Batalha, Folgosinho, Barro y Malhada, en Portugal; Grande Brière, Vernaison y Biesne, en Francia), más otros ingleses (Beachy Head, Sussex y Cottingham, York), encuentra para las pulseras. (Véase F. F. Cuevillas: “El tesoro de Golada”, en la revista de “El Museo de Pontevedra”, entrega 1ª; 1942.).

Porén, contradicindo esta cronoloxía, no Catálogo Monumental de la Provincia de Pontevedra (dous volumes), inventario encargado polo Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes o 21 de xaneiro de 1907, elaborado por Rafael Balsa de la Vega (1859-1913),  un dos 173 socios fundadores da Asociación de la Prensa de Madrid (1895), intelectual, artista e prestixioso crítico de arte, e rematado o 30 de xuño de 1908, xa figura (asento e fotografía) o devandito tesouro:

Volume 1 (texto), páxina 2: “Brazaletes celtibéricos – Fotografía nº 6”.

Volume 2 (fotos), páxina 12: “Objetos prehistóricos – Brazaletes de oro celta gallegos – Fotografía nº 6” (anéxase a fotografía).

Onde foi descuberto?

Malia o afirmado por Cuevillas e por García y Bellido, do Tesouro de Agolada tampouco se sabe con precisión o lugar onde foi atopado. No blog “Aquam Latam” (entrada: “O Tesouro de Agolada”, 29-3-2008), Manuel Busto escribe:

Foi encontrado nunha mámoa do Campo do Xastre (a medio camiño entre a vila de Agolada e Ferreiroa). O achado sitúase arredor de 1920. Neses anos estaban a executarse as obras de construción da estrada entre Lalín e O Marco (no límite provincial con Lugo) … A procedencia do tesouro aínda non está o suficientemente clara. Hai voces que afirman que este tesouro apareceu no castro de Goiás (Lalín), tamén preto da citada estrada. Ferreiroa é lugar e parroquia do concello de Agolada. Goiás é parroquia do concello de Lalín.

Xoán C. García Porral postula o niño do ouro na parroquia lalinesa da Veiga, estremeira coa de Goiás (Faro de Vigo, 11-11-2018).

Pola súa banda, Elixio Vieites, informado por Antonio Presas, afirma na web “Patrimonio Galego” (entrada: “Necrópole das Brañas de Abonxo”, 17-8-2017) que, probabelmente, o tesouro se descubrise no lugar coñecido pola Pena do Ouro, situado ao leste e próximo á serra do Carrio (Lalín). Como se di no xogo das agachadelas: “Quente, quente”.

En conclusión. Non hai certeza do lugar no que se exhumaron o colar e o par de brazaletes coñecidos polo Tesouro de Agolada; amais, consonte o inventario de Balsa de la Vega, o ano no que Cuevillas, García y Bellido e outros situaban o achado (1920) é improbábel. Se Balsa de la Vega coñecía as pezas do Tesouro de Agolada en 1907-8, a súa descuberta debe atrasarse cando menos trece anos.

Os empresarios

Natural da parroquia cerdedesa de Folgoso, Francisco Cachafeiro Vaamonde, o Raposo da Espiñeira, foi alcalde de Cerdedo até 1902, ano no que lle cedeu o bastón de mando a Xerardo Varela Figueroa, á sazón, sogro do seu fillo Ramón Cachafeiro Cabano. Francisco Cachafeiro Vaamonde faleceu o 31 de agosto de 1918 aos 84 anos de idade.

Francisco Cachafeiro Cabano, fillo de Francisco Cachafeiro Vaamonde e de Manuela Cabano Gamallo, púxose á fronte da empresa de Obras Públicas familiar.

Cara ao ano 1907, uns operarios do contratista cerdedés Francisco Cachafeiro puideron atopar na parroquia lalinesa de Val do Carrio o chamado Tesouro de Agolada

O chamado Tesouro de Agolada fotografado cara a 1907 por Lorenzo Novás.

Curiosamente, en decembro de 1907, Francisco Cachafeiro percibe da Deputación de Pontevedra a cantidade de 2.629 pesetas en concepto de liquidación das obras executadas en el trozo 5º del camino provincial de Lalín a Puente San Justo (El Diario de Pontevedra, 28-12-1907). É dicir, as actuais PO-206/PO-905: Lalín-Vila de Cruces-encoro de Portodemouros. A estrada PO-206 atravesa a parroquia lalinesa de Val do Carrio, bordeando polo leste a serra do Carrio e deixando á dereita os lugares de Abonxo e O Carrio. O vial estrema coa área de protección da necrópole megalítica do Outeiro Grande-Riádigos ou das Brañas de Abonxo ou da Pena do Ouro (11 túmulos, a día de hoxe), xacemento arqueolóxico vulnerado coa instalación dun parque eólico (2002) e cun plantío de eucaliptos (2017). Segundo a tradición e para maior abastanza, a chamada Pena do Ouro é o lugar no que se descubriron as prezadas alfaias.

Daquela, en 1907 (ou mesmo antes), os obreiros que, ás ordes do cerdedés Francisco Cachafeiro Cabano, traballaban na construción do camiño de Lalín á vella ponte de San Xusto (asolagada polo encoro), ben puideron dar co ouro prehistórico entre os lugares de Abonxo e O Carrio. Por ignotas circunstancias, o “Tesouro do Val do Carrio” acabou denominándose “de Agolada”. Os Cachafeiro confiáronlle a custodia das xoias á Sociedad Arqueológica de Pontevedra (Bará, M.:Diario de Pontevedra, 9-5-2021), onde as fotografou Lorenzo Novás (foto doCatálogo) e as inventariou, en 1907-8, Balsa de la Vega.

Viúvo de Carolina Álvarez Gómez (dende 1919), Francisco Cachafeiro Cabano faleceu en París o 16 de maio de 1934, a onde viaxara ansiando restablecerse dunha doenza fatal. O seu irmán Ramón Cachafeiro Cabano e o fillo deste, Ramón Cachafeiro Varela botarán man do temón familiar e daranlle continuidade á saga de contratistas de Folgoso.

A piques de ser fundidos

O 18 de xullo de 1936 acontece o golpe de Estado fascista que, en Cerdedo, no pasar dos meses, acabará coa vida de dezanove republicanos. O mércores 16 de setembro de 1936, o xornal El Diario de Pontevedra, baixo o titular “El oro que dio Pontevedra” e consonte a información facilitada pola Delegación de Orden Público, publica:

El pasado domingo se procedió a la fundición de diversas alhajas recibidas en esta Delegación con un peso neto de doce mil cien gramos, distribuidos en cinco lingotes de oro, que unidos a los once mil quinientos gramos, producto de la primera fundición, hacen un total de veintitrés mil seiscientos gramos … Algunos objetos de mérito histórico o artístico reconocido, entre los que destaca en primer lugar el renombrado Tesoro de Golada, entregado por la familia Cachafeiro, con conocimiento y autorización de los donantes, quedan sin fundir, hasta que la Junta de Defensa Nacional de Burgos disponga en otra forma de ellos, ya que su valor real es desproporcionadamente mayor del que pudiera resultar de su liquidación en oro.

No artigo “El tesoro áureo hallado en Golada (Galicia) en 1920” (1942), García y Bellido engade:

Su dueño, el Sr. Cachafeiro, lo donó, en 1937, al Estado, con motivo de la suscripción de oro para el Movimiento Nacional, quedando entonces de propiedad del Museo donde ya estaba en depósito.

En resumo. O cadal de ouro localizado polos empregados de Francisco Cachafeiro Cabano en 1907 (ou antes) nunha mámoa da parroquia lalinesa de Val do Carrio (desaparecida pola apertura do camiño que despois deviría na estrada PO-206), foi depositado na Sociedad Arqueológica de Pontevedra. No verán de 1936, adheríndose entusiasticamente á sublevación militar, os Cachafeiro puxeron o Tesouro de Val do Carrio a disposición das autoridades golpistas. O colar e os brazaletes non acabaron no crisol a canda aneis de compromiso e próteses dentarias por ben pouco. Salvados in extremis da fundición, en outubro do 36 a Junta de Defensa Nacional depositounos no Museo de Pontevedra (Progreso, 16-10-1936), en cuxas vitrinas, nomeado Tesouro de Agolada, exponse na actualidade a carón do Tesouro de Caldas.

Se a tese de Val do Carrio non ser convincente abondo, a escasos quiñentos metros cara ao leste da casa grande dos Cachafeiro, en Folgoso, sitúase a mámoa de Covas, xacemento catalogado. Deixen voar a súa imaxinación.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: