fbpx
Fibela suevo-visigótica atopada en Toén / Amigos do Patrimonio de Toén

Que fai unha fibela suevo-visigótica nunha leira de Toén?

Tempo de lectura: < 1 min.

En febreiro de 2020 un membro da asociación Amigos do Patrimonio de Toén achou nun eido seu unha pequena placa de bronce cuns gravados. Co fin de contextualizar a peza contactou co arqueólogo salmantino Carlos Tejerizo, do grupo “Sputnik Labrego”, que o puxo sobre a pista de que podería tratarse dun resto suevo-visigótico.

O seguinte paso que deu foi enviarlle un correo electrónico ó profesor da UAM Jorge López Quiroga, natural de Ourense, e organizador da exposición “In Tempore Suevorum” no que incluíu varias fotografías e información relativas ó achado. Quiroga non tardou en respostar confirmando a teoría apuntada por Tejerizo, segundo comentou:

Trátase dunha peza de fibela de cinto (a placa da fibela); pola súa forma e disposición, en segundo lugar, corresponde ó tipo que soemos denominar coma liriformes, cuxa cronoloxía, en terceiro lugar, soe atribuírse ó século VII d.C., aínda que o seu emprego esténdese no tempo, podendo prolongarse ó longo do século VIII d.C.
Pola súa tipoloxía hai máis placas de fibela de cinto achadas no ámbito territorial da antiga Gallaecia (Lugo, A Coruña, Ourense, León, Portugal), non idénticas nos motivos mais si na forma liriforme. O exemplar achado en Lugo ten unha tipoloxía semellante (s.VI-VII, aínda que para o autor era máis do VII-VIII). A outra peza que apareceu en Ourense foi no veciño concello de Amoeiro (no xacemento das Pereiras).”

Unha vez recollidos estes datos comprobando que se trataba dunha peza singular procedeuse a entregala a Patrimonio para o seu estudo e conservación. “Dende Amigos do Patrimonio de Toén queremos agradecer a Carlos Tejerizo e Jorge López Quiroga a súa colaboración, e agardamos con ansia novas do estudo desta peza, posiblemente un dos maiores achados ata a data feitos no Concello de Toén”, indica a entidade.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: