fbpx
Franco e Carmen Polo nos touros / foto Kutxa Fototeka CCBy Wikimedia

Queres coñecer as empresas que fixeron negocio no Franquismo e seguen facéndoo 40 anos despois?

Tempo de lectura: 2 min.

O departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra celebrará os próximos días 26 e 27 de novembro no Pazo Provincial as súas terceiras xornadas de ‘Loita contra Impunidade’, centradas este ano na ‘Corrupción Franquista: métodos e consecuencias na actualidade‘.

A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, e a técnica provincial de Memoria, Montse Fajardo, presentaron este xoves o programa que pretende pór sobre a mesa “sen censura” que as empresas que financiaron a ditadura “fixéronse de ouro”. Todo iso mentres “había persoas asasinadas, torturadas e encarceradas”, e outras sufrían “unha importante represión económica”, que condicionou a súa vida debido as multas, espolio de bens e incautacións sen garantía legal.

A deputada nacionalista adiantou, tal e como recolle Galicia Confidencial, que, nas xornadas, quedará reflectido que esa corrupción “non finalizou no 75 coa morte do ditador” senón que as persoas “herdeiras” daquel tempo, das empresas e dos cargos, “levan máis de 40 anos enriquecéndose con total impunidade” baixo a “cegueira premeditada de certas institucións e quen as ocupa”.

No programa figura o xornalista Antonio Maestre, de Eldiario.es e La Marea, e autor de ‘Franquismo SA’, que falará de ‘O capital e a represión’ dando especial atención ao ocorrido en Galicia. Posteriormente, o historiador Xosé Álvarez Castro abordará a represión das persoas que colaboraban co réxime en cada localidade.

No terceiro relatorio ‘Galicia no NODO’, a profesora de Filosofía e Antropoloxía da Universidade de Santiago, Beatriz Busto falará do espolio cultural, da identidade e do relato. A xornada do venres completarase coa proxección do documental ‘Billy’, de Max Lemcke, coa participación de Miguel Anxo Gómez ‘Gus’, vítima de Billy el Niño.

O sábado, durante a mañá, Rebeca Quintáns, autora do libro ‘Un rei golpe a golpe’, falará de como afectou a corrupción á actual democracia. Tamén se abordará a relación entre a igrexa e a ditadura franquista co profesor da Universidade de Vigo, Xosé Ramón Rodríguez Lago.

A última charla correrá a cargo da profesora de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, Araceli Freire, membro de Histagra, quen fará mención especial ás mulleres que loitaban contra a ditadura cando esta tentaba facerse con zonas de monte para “autoestradas, pasteiras ou outras empresas que se fixeron ricas e que seguen agora ocupando espazos públicos”.

Tamén está programada a mesa redonda ‘Cando a herdanza é a memoria‘, que reunirá a descendentes de vítimas e persoas destacas da memoria e da loita contra a impunidade: Carlos Babío, Susana Sánchez Aríns e Paqui Maqueda.

Estas Xornadas concluirán cunha visita ao Mosteiro de Oia e á Volta dos Nove en Baiona, para coñecer a historia do campo de concentración que alí houbo e o lugar onde foron asasinados varios sindicalistas da zona do Val Miñor co guía de Xosé Lois Vilar, membro do Instituto de Estudos Miñoráns. Vía Galicia Confidencial.

Pode que che interese...