fbpx
Castro de Saa da comarca de A Pastoriza / argologia.blogspot.com

Apuntan a descubrimentos “rituais” no Castro de Saa

Tempo de lectura: < 1 min.

O castro de Saa segue escavándose, este ano sumou a súa sexta intervención arqueolóxica, ademais segue consolidándose as súas estruturas e é un punto de referencia na zona. Nesta sexta escavación descubriuse unha gran parte dos restos dunha vivenda galaicorromana que axudará a “coñecer o case invisible mundo galaicorromano de A Pastoriza e Terra Chá”, como sinala o historiador David Fernández Abella.

Un dos descubrimentos máis importantes deste último traballo foi a aparición dun machado de bronce de talón e dúas argolas, da idade de bronce final no derrubo do paramento interior da muralla. David Fernández Abella defíneo como un “obxecto fóra de tempo“.

Segundo un comentario do doutor José Suárez Otero identifícase con claridade como unha machada típica do Bronce final do Norte de Galicia e Occidente Asturiano con trazos arcaizantes, como o talón moi saliente, quizais oblicuo, e os rebordes do talón decrecentes cara o remate do mesmo.

Como tamén recolle David Fernández Abella nun artigo no seu blogue, o profesor Marcial Tenreiro Bermúdez apunta que non se pode descartar que sexa un depósito ritual vencellado á construción da muralla, no que non sería raro reutilizar unha peza de cronoloxía anterior. Outra posibilidade que sinala é o uso ritual e simbólico desta tipoloxía de machados durante a Idade de Ferro, como parecen reflexar os chamados bronces votivos sacrificiais, ou a aparición dunha machada de cuatro argolas no Castro de Viladonga. Máis información: Navegando en la Historia

Pode que che interese...