fbpx
Peregrinos / foto jackmac34CC0

Infiltrados nun “free tour”… É unha boa ferramenta para coñecer a nosa historia?

Tempo de lectura: 4 min.

Cando alguén organiza unha viaxe, un dos primeiros destinos que se lle ven á cabeza a nivel estatal é Santiago de Compostela. O patrimonio da nosa catedral é de valor incalculable e bastante variado. Pero, os viaxeiros vanse cunha visión real do que é a cidade? Coñecen o valor do noso patrimonio?

Os free tours son unha ferramenta asumible para a gran parte dos viaxeiros curiosos que se queren achegar ao noso patrimonio e á nosa cultura. Un ou unha guía ensina aos turistas os principais elementos cos que conta unha cidade e estes pagan o que pensan que costa ese tour.

A Praza do Obradoiro, punto de inicio

O tour de Santiago de Compostela é dos mellor valorados de Galicia en Civitatis, cun 9,4. Na capital, como é lóxico, o punto de encontro é a Praza do Obradoiro. Nada máis ver o paraugas do teu guía, achégaste e confirmas a túa asistencia. Tras esperar ao resto dos participantes, comeza a actividade.

Como é previsible, o percorrido comeza cunha explicación dos edificios que se atopan no Obradoiro: a catedral, o pazo de Raxoi, o hostal dos Reis Católicos, o pazo de Xelmírez e o colexio de San Xerome. Para aproveitar os oídos curiosos dos visitantes, o guía comeza narrando a chegada de Santiago á península ibérica, a súa relación con Zaragoza e con Compostela.

Despois, ao seguir explicando como se construíu a catedral e por que se escolleu este lugar, entre os visitantes destaca unha especial inquedanza sobre as características da fachada barroca da catedral. Ao final, as datas e a historia non atraen tanto a súa atención como saber que están a observar nese momento. E é unha característica que se repite ao longo do percorrido.

Fachada do Obradoiro de Santiago de Compostela / foto javierAlamo CC0

Que hai arredor da Catedral?

A Praza do Obradoiro, pola súa relevancia, é a que maior tempo se leva da visita. Azabachería é a seguinte parada e o formato da presentación é o mesmo, xa que se volve a centrar nas características da fachada norte. O guía comenta o incendio que produciu o desprazamento dalgunhas pezas románicas á fachada de praterías.

Antes de praterías temos unha parada obrigatoria na Quintana, e máis tendo en conta que nos atopamos en Ano Santo. De feito, os visitantes quedaron abraiados tras escoitar que a Porta Santa se abrira só cada Ano Xacobeo. Algún deles preguntoulle ao guía a hora á que pechaban a porta para poder ir tras o free tour.

En Praterías, debido á pouca iluminación non se podían apreciar ven as figuras, polo que a explicación do guía non tivo o impacto esperado. Aínda así, a cantidade de fachadas-telón que se fixeron arredor das prazas compostelás sorprendeu aos turistas.

Existe patrimonio fóra dos arredores da Catedral

Na praza de Fonseca narrase a historia da Universidade de Santiago de Compostela que, como comentou a guía, é unha das máis antigas de España. Aínda así isto non foi o que interesou aos turistas, senón que a Universidade de Palencia fose a máis antiga.

En Fonseca xa se mencionaron, pero na Alameda volveuse explicar a variedade de camelias que se atopan en territorio galego, especialmente nas Rías Baixas. Santiago, como capital de Galicia, é a unión de todo o territorio e, como tal, nestes tours fanse mención a diferentes cidades e recoméndanse outras visitas: Fisterra e Vigo foron algunha das localidades mencionadas.

Recorrendo as rúas do casco vello, o guía ía narrando as curiosidades e elementos que se atopaban nel. Os visitantes, que eran na súa meirande parte do sur do Estado e de todas as franxas de idade, resultoulles chamativo os números que se atopan nas pedras que forman o calello de Entrerrúas que datan da construción da rúa para identificar cada peza.

Praza Quintana foto Fuco Reyes, unha das ilustracións do libro

E chega o final

Tras pasar pola actual facultade de Xeografía e Historia e o Mercado de Abastos, remátase o percorrido. Ao final converteuse nunha enumeración de lugares de interese e datos curiosos máis que en afondar na historia da cidade. Aínda así, os viaxeiros estaban satisfeitos. Primeiro, porque non choveu a pesar dos prognósticos. E logo, porque como comentaban un par de rapazas que atenderon ao tour: “moita da historia xa a sabía pero agora sei o que estou a ver e o seu significado”.

A duración deste free tour foi de dúas horas e quedaron elementos do patrimonio compostelán sen ver e mencionar. Entre eles, atópanse a Capelas das Ánimas, o Convento de Santa Clara e o Convento de San Francisco. Aínda así, o tour explica con fidelidade a historia de Santiago de Compostela e o seu patrimonio. Agora, queda por ver se xerou máis curiosidade nos visitantes para seguir afondando no noso interesante pasado.

Pode que che interese...