fbpx
Peto de ánimas de Doade, en Beariz, esnaquizado por un conductor borracho / Capitán Gosende

Na procura dos cachos dun peto de ánimas histórico esnaquizado por un condutor borracho

Tempo de lectura: 2 min.

O pasado 28 de outubro, un condutor ebrio estampinou o seu vehículo contra o peto de ánimas de Doade, en Beariz (coordenadas.- X: 556.057; Y: 4.702.104), anexo á capela do Carme. Por fortuna, o condutor non sufriu danos graves, porén o impacto derrubou por enteiro a construción que, erixida no ano 1860, gozaba da estima e devoción dos veciños.

O colectivo Capitán Gosende xa visitou o lugar do sinistro en dúas ocasións. As autoridades limitáronse até o de agora a dar parte e a acoutar a morea de fragmentos cunha fita plástica bicolor, hoxe case imperceptíbel pola follarada outonal.

Peto de ánimas de Doade antes da súa destrución / Capitán Gosende

Precavendo que a inescusábel intervención sobre este ben patrimonial se adíe en exceso, o pasado sábado (día 11 de decembro), membros do colectivo desprazámonos até o lugar e, coa axuda dalgúns veciños, procedemos a buscar por entre a rima de perpiaños e cachotes e mais por entre a folla seca os fragmentos miúdos da arquitectura derruída, co obxectivo de xuntalos e preservalos do seu probábel extravío. Lembremos que o nove de cada mes o lugar se converte nun concorrido recinto feiral.

Consonte as nosas anotacións, o peto de ánimas de Doade é hoxe un amasillo de perpiaños (contamos unhas corenta pezas), cachotes e rebos. A meirande parte das pedras labradas presenta rachaduras ou escantrelamentos, labor que un canteiro destro e habelencioso haberá compor. Por mor da súa profesionalidade, nós recomendamos o escultor Marcos Escudero para a realización deste traballo.

Busca dos cachos

Despois dunha minuciosa rebusca, demos localizado os anacos da cruz e do seu pedestal, e tamén os anacos dos pináculos e dos seus respectivos pedestais que a flanqueaban. Todos tres aditamentos, asentados encol dun frontón circular, coroaban o peto de ánimas. Algúns dos anacos xa se esparexeran lonxe da súa localización orixinal.

O peto de ánimas de Doade convertido nunha morea de fragmentos / Foto J. Soto

A presenza da señora Fe, sancristá da capela do Carme, permitiunos gardar os fragmentos recadados no interior do templo, arrombándoos a carón do retablo de madeira, representando as almas do purgatorio, e mais a reixa metálica que gardaba a talla. O retablo, a reixa e unha imaxe da Virxe do Carme, intercesora das almiñas, xa foran retirados a noite do accidente. Coidamos que a imaxe da Virxe é irrecuperábel.

As pezas recobradas da escachiza ascenden a unhas vinte. Armados os respectivos crebacabezas (cruz e dous pináculos), arrecunchámolos no interior da capela, agardando polos labores de restauración que, no posíbel, deberán respectar os elementos orixinais.

O colectivo Capitán Gosende urxe as autoridades á pronta restauración do peto de ánimas de Doade, patrimonio dos veciños de Xirarga e patrimonio de todos. Estaremos atentos.

 

Pode que che interese...