fbpx
Imaxe da Capela de Novais que se atopa en ruinas / Patrimonio Galego

Restauran a capela do mosteiro onde se pagaron os últimos foros en Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

A Xunta de Galicia iniciou fai uns días traballo de prospección arqueolóxica, estudo e documentación dos restos da antiga Capela de Novais, no concello do Val do Dubra. O obxectivo desta actuación é coñecer as orixes desta capela que poderían ter relación co antigo Mosteiro de Novalis que foi mencionado na Historia Compostelana, ano 1108.

O territorio do mosteiro foi afectado pola desamortización de Mendizábal no século XIX. A Igrexa perdeuno pero, tras pasar por mans dunha familia adiñerada, volveu caer en mans do Arzobispado de Compostela. A Igrexa olvidouse desas terras durante máis de 100 anos e no 2006 quixo reclamar a renda a unha parella de labregos: Carmen Barca e José Lamas.

Os devanceiros de José Lamas traballaron esas terras do Val do Dubra a cambio dun arrendamento en especie, polo que, como está recollido neste artigo de La Voz, tivo que pagarlle á Igrexa 8.000 kilogramos de maíz, 320 de fabas brancas e 3,76 euros.

Agora, a Xunta comezou esta semana un proceso arqueolóxico para coñecer o pasado da Capela de Novais, no que se poderá confirmar a súa relación co Mosteiro de Novalis. A intervención centrarase en  documentar esta contrución en ruínas, de cara á súa catalogación e protección. Ademais, realizarase un estudo histórico da mesma que incluirá, polo menos, a busca de información nos arquivos parroquiais próximos ao lugar e máis no Arquivo Histórico Diocesano. Ao mesmo tempo, aproveitarase para facer un rexistro 3D mediante fotogrametría.

Características da Capela de Novais

Como recolle Patrimonio Galego, “ten unha planta rectangular dunha soa nave feita a base de perpiaño escuadrado e cachotería”. Ten o “acceso pola zona noroeste por unha entrada alintelada e que na súa base ten unha pedra con gravado de debuxo xedrezado“. Conserva o arco triunfal de medio punto labrado con doelas de boa cantería e unha estreita ventá no prebisterio rematada en arco de medio punto e orientada ao sueste que da luz no interior.

Por outra banda, “hai un pequeno muro cegando parte do arco triunfal facendo un recinto a modo de cortello, e unha pía grande de pedra para conter agua acaroada ao muro esquerdo da capela. Algúns canzorros están fora de lugar colocados nos muros, fixéronse buratos para poder apousentar vigas para un posible sobrado e a dereita da porta parecen adiviñarse os restos da base dunha pía bautismal”.

Pode que che interese...